Finalmente celebrouse a feira Pont-Up Store edición 2015, un evento multitudinario que converteu a Praza de España de Pontevedra, esta fin de semana pasada, na imaxe visible do noso empuxe emprendedor (44 proxectos empresariais, todos eles cun importante compoñente TIC, dándose a coñecer). A Pont-Up Store, organizada pola Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) e o Concello, abriuse cun relatorio de Luis Taboada, CEO de Qubitia, unha empresa TIC creada por ex-alumnos da Universidade de Vigo, precisamente, e clausurouse o sábado ás 20.30 horas coa entrega de premios aos mellores proxectos do encontro. Na apertura de actividades, Luis Taboada guindou varias recomendacións aos emprendedores (nunca perder de vista o espírito primeiro de todo emprendedor: querer achegar valor á sociedade) e felicitou aos empresarios por “ter apostado pola creación de tecido industrial e emprego en Pontevedra e en Galicia”.
No evento tamén participou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que pechou a rolda primeira de actividades agradecendo aos organizadores e colaboradores de Pont-Up Store os seus esforzos “por cooperar, por imaxinar xuntos un futuro mellor e por axudar a Pontevedra a ter cada día máis oportunidades e un horizonte algo máis definido”.
Ao longo das dúas xornadas de actividades (25 e 26 de setembro) os visitantes da Praza da España puideron coñecer experiencias e iniciativas tan salientables e innovadoras como as acubilladas na caseta de Neukos Robotics (onde se presentaban diferentes xeitos de materializar a chamada robótica persoal, por exemplo os pequenos trebellos con feitura de animais acuáticos que sucaban as augas dun acuario de peixes que finalmente non era tal) ou no emprazamento de Sinalyzer (onde se visualizou un simulador de escenarios económicos para permitir aos emprendedores comprobar por si mesmos como se desenvolverá o seu negocio, cunhas características propias e alleas determinadas, de finalmente levalo adiante).
Os asistentes tamén puideron dar conta (entre outras moitas cousas) da liña de actividade de Robotilab (unha das iniciativas premiadas na última edición dos Premios INCUVI-Emprende da Universidade e dirixida a potenciar as capacidades creativas de nenas e nenos), de Evernight (unha rede social vinculada á movida nocturna recoñecida cun accésit nos Premios INCUVI-Emprende) ou Monet Viticultura (ferramentas para a xestión e o control avanzado de viñedos).
Volvendo á inauguración, lembrar que esta levouse a cabo na mañá do venres e no acto participou o director do encontro, o profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación Pedro Figueroa, que lembrou que a feira xorde como “resposta á demanda dos propios emprendedores, que viron neste evento unha magnífica ferramenta para o desenvolvemento dos seus proxectos, como demostra o feito de que se recibisen 125 candidaturas para estar presente neste espazo”, sinalou.
Pon-Up Store tamén acolleu a actividade chamada Fuck-Up Night, unha singular e curiosa cita organizada polo Concello de Pontevedra destinada a fomentar o emprendemento dende iniciativas á inversa do éxito: dende a bagaxe xerada por experiencias de mercado marcadas polo fracaso. A actividade deu comezo da man de Ana Gulías, concelleira da área de Promoción Económica, que salientou que “todas as persoas que deciden emprender son uns valentes e os que comparten os seus erros demostran aínda máis valentía”. Segundo apuntan os organizadores, os participantes viviron de primeira man a experiencia de David Comadevila, Mercedes García-Nieto e Salvador Vázquez, que compartiron cos asistentes cadansúas vivencias de fracaso.
Pont-Up Store 2015 fixo de Pontevedra a capital dos innovadores emprendedores
Compartir Este Artigo

