AtlantTIC, centro de investigación da Universidade de Vigo, vai organizar por segundo ano consecutivo o Workshop on Cooperative Wireles Networks (CWN2015), un encontro-obradoiro destinado a promover a colaboración entre investigadores e técnicos dos cinco continentes, favorecendo o intercambio de ideas e experiencias arredor das redes sen fíos colaborativas, “un elemento clave para o progreso da Internet do futuro”. A actividade vén da man do Grupo de Tecnoloxías da Información de AtlantTIC e insírese no evento WiMob2015. Segundo informa o Grupo, a novidade desta edición é a incorporación ao conxunto de temas da colaboración en redes definidas por software.
As investigadoras da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Cristina López Bravo e Beatriz Lorenzo Veiga, son as co-organizadoras do encontro xunto aos profesores da Universidade Politécnica de Cartaxena, Felipe e Antonio Javier García Sánchez. A cita terá lugar do 19 ao 21 de outubro en Abu Dhabi (Emiratos Árabes Unidos) dentro da XI edición do IEEE International Conference Wireless and Mobile Computing Networking and Communications (WiMob 2015).
Segundo informa AtlantTIC, “a cooperación en redes sen fíos enténdese como a operación conxunta de nodos e sistemas da rede”. Este traballo en mancomún arredor do wireless, engade o centro, pódese aplicar en distintos ámbitos: redes de telefonía móbil, redes vehiculares, redes de sensores, Internet das Cousas ou Internet do Todo (IoT e IoE, nas súas siglas en inglés, respectivamente).
Ademais, a cooperación en redes sen fíos está enfocada a traballar en diversos aspectos: mellorar a cobertura e a fiabilidade das comunicacións, incrementar a taxa de transmisión ou adaptarse con meirande flexibilidade ás condicións da rede; tamén se centra en facer un uso máis eficiente dos recursos críticos, como son a reutilización do espectro, a redución da potencia consumida ou a posibilidade de empregar terminais pequenos nos que só hai oco para unha antena, por exemplo.
“O que se busca coas redes cooperativas wireless”, explican máis en detalle dende o centro de I+D vigués, “é mellorar a calidade das ligazóns sen fíos” e asentar os alicerces para o 5G, unha tecnoloxía que, coma a Internet do futuro, precisaría das redes colaborativas para ser unha realidade. De feito, explica AtlantTIC, “sería impensable traballar na Rede do día de mañá e explotar ao máximo as capacidades das redes de telefonía móbil na banda milimétrica sen a colaboración internacional de investigadores e técnicos”. Tampouco sería posible o desenvolvemento da IoT, engaden, “onde millóns de dispositivos de diferente natureza e índole poden comunicarse entre si”.
Volvendo ao evento WiMob, sinalar que é un dos congresos de referencia no eido das comunicacións móbiles a nivel internacional. Apoiado polo IEEE, asociación profesional adicada á innovación tecnolóxica avanzada e á procura da excelencia para o beneficio da humanidade, chega agora á súa XI edición xutando máis de 200 profesionais e investigadores dos 5 continentes. Este ano, a cita terá lugar en Abu Dhabi (EAU), do 19 ao 21 de outubro, no Novotel Abu Dhabi Ao Bustan.
AtlantTIC organiza un obradoiro no evento internacional referente da tecnoloxía sen fíos: WiMob
Compartir Este Artigo

