Hoxe 30 de setembro é o último día para enviar a nosa candidatura ao Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre, convocado pola AMTEGA. Segundo informa a axencia, esta semana estaban contabilizados 7 participantes inscritos e agárdanse recibir mais inscricións de última hora dos proxectos defendidos nas convocatorias de setembro. Dende os responsables da convocatoria animan a todos os que teñan presentado proxecto de fin de carreira, fin de grao ou fin de mestrado que se animen a participar neste recoñecemento, galardón dotado con 2.250 euros, repartidos nun primeiro premio de 1.500 euros outorgado polo CIXUG e a posibilidade de conceder un segundo premio de 750 euros, outorgado pola asociación universitaria GPUL (Grupo de Programadores e Usuarios de Linux).
Unha vez pechado o prazo de inscrición revisaranse todas as candidaturas e o xurado realizará a selección dos finalistas que deberán facer unha breve presentación ante o xurado do traballo realizado no seu proxecto, facendo especial fincapé nos aspectos do seu proxecto relacionados co software libre, dos logros acadados, das perspectivas de futuro, etc. Trala presentación, o xurado disporá da súa quenda para realizar as preguntas que estime oportunas e unha vez finalizadas todas as presentacións e trala oportuna deliberación, o xurado e emitirá a súa resolución respecto da concesión do premio.
Acorde co obxectivo do premio, os aspectos que o xurado terá en conta á hora de tomar a súa decisión, ademais da calidade do proxecto no seu deseño e implementación, son os relativos ao nivel de actividade pública do PFC. Valorarase a publicación continúa do traballo, ben sexa empregando listaxes de correo dun proxecto existente, as da forxa de mancomun.org ou calquera outro medio web, coma por exemplo blogs persoais. Valorarase a colaboración con outros proxectos de software libre así como a correcta elección dunha licenza libre.
Este acto de resolución do premio celebrarase o día 23 de outubro de 2015, a partir das 15:30 horas, na Sala Eisenman da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela.
O prazo para presentarmos traballos ao Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Software Libre remata hoxe
Compartir Este Artigo

