A Axencia de Emerxencias de Galicia (AXEGA) vén de adquirir dous drons a Aeromedia AUV, firma emprazada en Oleiros e centrada en tecnoloxías de vehículos aéreos non tripulados (drons) para diferentes actividades de filmación. Segundo informa o Clúster Audiovisual Galego, no que se insire Aeromedia AUV, os aparellos adquiridos pola axencia adicaranse, entre outras tarefas, á detección de persoas extraviadas, realizando labores como emprestar apoio aos equipos de rescate, avaliar danos en catástrofes ou evitar incidentes en situacións nas que se xunten multitudes.
En base a isto, os drons facilitarán a toma de decisións nos postos de mando avanzados e servirán para facer rastrexos en todo tipo en espazos rurais abertos, montañas, zonas costeiras e áreas asolagadas.
Os aparellos adquiridos pola axencia teñen unha envergadura de entre 1 e 1,2 metros e un peso sen carga de 8 a 10 quilos, amais dunha autonomía enerxética de ata 30 minutos. Segundo informa a empresa, arestora hai catro membros do grupo de apoio loxístico da AXEGA realizando un curso específico para os modelos adquiridos pola Xunta. A idea é permitir que en breve, nun prazo de varias semanas, os aparellos comecen a traballar sobre o terreo, con todos os aforros que van pór en xogo para a Administración sobre os tradicionais helicópteros: unha hora de voo de dron só custa a recarga das baterías.
AXEGA empregará drons de Aeromedia AUV para localizar persoas desaparecidas
Compartir Este Artigo

