Este mércores celebrouse en Vigo o encontro Expertos en Estratexia Dixital con Empresas da Industria da Moda. A cita veu da man de COINTEGA-Cluster Galego Téxtil Moda e ADIGITAL, Asociación Española de Economía Dixital, coa colaboración da Zona Franca de Vigo. O obxectivo da xornada foi trasladar ás empresas a necesidade de crear tendas virtuais como alternativa ao comercio tradicional, “achegando as vantaxes dun comercio máis directo e ampliando de maneira considerable a carteira de clientes potenciais”, indican os organizadores do evento, que tamén lembraron que a moda é sen dúbida un dos sectores de meirande medre no ámbito dixital: “Nos últimos anos experimentou un gran desenvolvemento da canle de venda online, inicialmente a través da Rede e recentemente, tamén, a través de dispositivos móbiles”.
Segundo fixo saber o Clúster, a estratexia dixital está a afianzarse de firme nos espazos físicos de venda, amais de revolucionar o xeito de interactuar cos clientes, permitindo amplas opcións de adaptación aos gustos e tendencias dos mesmos, mesmo nos establecementos tradicionais. As posibilidades de todo isto para as nosas empresas foron a base do encontro de COINTEGA, no que interviñeron (entre outros) Fernando Maudo, director xeral en España de venche-privee.com, José Luis Pulpón, director de vendas de Google España, José Ignacio Domecq, director executivo de Fractalia, César Tello, subdirector de Adigital, e Mónica de Pablos, directora de Organización e Sistemas de Trucco.
A xornada, segundo informa a organización, tivo o formato de mesa redonda coa participación activa de 45 asistentes de 20 empresas do Clúster galego, que debateron cos relatores as distintas estratexias que están a seguir as compañías líderes así como outras innovadoras cuxos resultados están por ver e avaliar. Na xornada tamén se lles trasladaron aos asistentes as vantaxes de apostaren polo comercio electrónico, e dentro deste un comercio máis directo e con capacidade para ampliar “de maneira considerable” a carteira de clientes potenciais. Os participantes completaron o encontro de COINTEGA cunha prolongada sesión de networking.
O Clúster Galego Téxtil Moda anima ás empresas do sector a apostar polo ecommerce
Compartir Este Artigo

