A firma galega SIVSA vén de resultar adxudicataria do concurso para os servizos de apoio aos usuarios de sistemas tecnolóxicos da Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) da zona sur de Galicia. A adxudicación, en palabras da empresa TIC, ratifica a eficacia e a experiencia de SIVSA, amais de afianzar a súa posición referente no sector galego e estatal das novas tecnoloxías aplicadas ao ámbito médico e sanitario. “Coa renovación deste importante e esixente concurso do Servizo Galego de Saúde, confírmase a excelencia dos nosos profesionais e a nosa metodoloxía”, engaden fontes da empresa con sede en Vigo.
Os servizos que vai fornecer consisten no apoio, soporte técnico, capacitación e acompañamento aos usuarios dos sistemas de información do SERGAS para exercer o seu labor cotián “coa maior eficiencia”. O equipo profesional da firma TIC que desenvolve este labor está integrado por técnicos de “alta cualificación e especialización”, certificados en ITIL e con experiencia nas mellores prácticas de soporte aos usuarios. Lembrar que ITIL é a Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías da Información, a día de hoxe o estándar mundial na xestión de servizos informáticos.
Recordar tamén que SIVSA é a responsable, entre outros recursos e servizos recentes, dunha tecnoloxía informática de xestión clínica chamada Fénix, definida polos seus desenvolvedores como “unha nova maneira de entender a xestión de centros de saúde dende a nube”. O software Fénix está especialmente pensado e optimizado para médicos e clínicas de pequeno tamaño. Entre as moitas funcionalidades que pon en xogo, salienta a posibilidade de controlar e axilizar de maneira fluída e intuitiva todos os procesos que se dan na actividade diaria dun espazo de saúde, dende a chamada do paciente para solicitar unha cita ata a facturación dos servizos. Estas e outras operacións son centralizadas por Fénix.
SIVSA renova os servizos de apoio aos usuarios dos sistemas do SERGAS
Compartir Este Artigo

