A Deputación de Ourense vén de confirmar a súa vindeira participación no Sout Summit 2015, o encontro internacional para o emprendemento innovador, un dos eventos máis importantes do mundo en materia de novo mercado, tecnoloxías, coñecemento e creatividade. Máis polo miúdo, á cita está convidado o presidente do organismo provincial ourensán, Manuel Baltar, que amosará en detalle as máis recentes iniciativas de eAdministración encetadas no seo da Deputación, facendo fincapé nas novas achegas ao servizo da xestión pública.
Segundo conta o organismo galego, a organización do South Summit (Madrid, do 7 ao 9 de outubro), solicitou a presenza de Manuel Baltar para participar nesta convocatoria achegando a súa idea sobre O papel das institucións públicas no desenvolvemento do sector empresarial (The role of public institutions in the development of the entrepreneurial sector), unha conferencia que ofrecerá en inglés perante emprendedores e empresarios de todo o mundo. A Deputación fai fincapé en que se trata “do único dirixente político convidado ao South Summit”. A súa intervención estará inserida na Start-up School, sección na que se presentan ferramentas de vangarda e consellos de innovación por parte de xestores e empresarios.
Manuel Baltar informou que o feito de ter sido convidado para explicar o modelo de xestión que ten implantado na Deputación de Ourense “significa seguir emprazando a nosa provincia no mundo en clave de innovación e modernidade, algo que contribuirá a atraer a Ourense proxectos competitivos e de vangarda para xerar riqueza e emprego”.
Segundo lembra a Deputación, na xuntanza de Madrid participarán as novas firmas (start-ups) máis innovadoras e os relatores de meirande referencia a nivel mundial. Na pasada edición contou cun total de 7.000 asistentes de 34 nacionalidades, 3.500 emprendedores, 1.800 grandes empresas e 450 investidores.
A Deputación de Ourense amosará en South Summit as súas innovacións en xestión
Compartir Este Artigo

