Microsoft vén de ampliar os seus acordos de colaboración con Lanzadera e Telefónica Open Future para impulsar novas firmas innovadoras españolas (start-ups). O obxectivo da compañía de Redmond é fortalecer a competitividade das empresas estatais e apoiar o emprendemento tecnolóxico baseado no coñecemento. Este compromiso ten virtude internacional e, en base a el, Microsoft dobrou o crédito que ofrece ás novas iniciativas de mercado abeiradas ao seu programa BizSpark Plus, que dende xullo poden beneficiarse xa de ata 120.000 dólares durante un ano en servizos na nube (Microsoft Azure). Co fin de ir aínda máis lonxe, a compañía renovou os acordos que mantén con máis de 150 aceleradoras e incubadoras en todo o mundo. En España os socios elixidos foron Lanzadera e Telefónica Open Future.
Ámbalas iniciativas proporcionarán o soporte (mercadotecnia e negocio) para que as start-ups sexan quen de desenvolverse e facer dos seus proxectos realidades de mercado. Máis polo miúdo, colaborarán con Microsoft a través dun modelo de aceleración e conexión con organizacións, investidores e empresas, “que axude aos emprendedores a converter os seus proxectos e ideas innovadoras en negocios viables”. Segundo sinala Sonia Marzo, responsable de emprendedores e de centros de innovación de Microsoft Ibérica, “o obxectivo é mellorar e facer máis atractiva a oferta tecnolóxica que pomos á disposición das novas firmas acubilladas e aceleradas, e achegarlles todo o necesario para poder facer os seus proxectos unha realidade”.
Lanzadeira fornecerá ás start-ups do programa Bizspark Plus de Microsoft de todo tipo de recursos formativos, económicos e estruturais, amosándolles os fundamentos dun modelo de negocio contrastado, nun programa de 11 meses no que tamén contarán con instalacións, formación especializada, asesoramento e financiamento de ata 200.000 euros.
Pola súa banda, Telefónica Open Future apoiará ás novas empresas en todas as etapas de emprendemento reunindo todas as iniciativas globais relacionadas coa innovación aberta, investimento e aceleración da compañía (Think Big, Talentum, espazos de Crowdworking, Wayra, Telefónica Ventures, Amerigo e a plataforma CIP).
Microsoft renova os acordos con Lanzadera e Teléfonica Open Future a prol dos emprendedores
Compartir Este Artigo

