A iniciativa europea RuralSchoolCloud e a Rede de Escolas na Nube, o proxecto galego posto en marcha hai un lustro co obxectivo de explorar as vantaxes da computación na nube (cloud computing) nas pequenas escolas rurais (na nosa terra os Centros Rurais Agrupados, CRA), están a piques de chegar ao seu remate. A iniciativa galega, impulsada polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) co apoio orzamentario de HP Labs e a implicación activa da firma galega Balidea e a Universidade de Santiago, insírese (precisamente) no programa europeo RuralSchoolCloud. Este celebra o vindeiro 10 de outubro a súa conferencia final en Santiago, onde se amosarán os resultados e experiencias dos participantes do proxecto, liderado polo CESGA e abranguendo 7 institucións de 6 países: Gran Bretaña, Italia, Grecia, Dinamarca, España e Macedonia (gobernos locais, universidades, institucións formativas).
Segundo informa a Universidade de Santiago, o resultado da investigación testouse en escolas rurais dos devanditos países (incluída Galicia) con “resultados importantes” na colaboración entre profesorado (itinerante) e escolas, coordinación familia-escola e mellora do rendemento escolar e das competencias TIC do alumnado de infantil, primaria e secundaria obrigatoria.
No ámbito galego RuralSchoolCloud é responsabilidade do grupo de Tecnoloxía Educativa da Universidade de Santiago que lideran as profesoras Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernández Morante e do CESGA, con Maria José Rodriguez Malmierca.
Como dixemos, o día 10 terá lugar no salón nobre do Colexio de Fonseca a conferencia final na que se difundirán os resultados e á que acudirán máis dun cento de docentes galegos e europeos, investigadores e técnicos do proxecto, futuros profesores e lexisladores educativos. Amosaranse, polo miúdo, as experiencias de dous anos de traballo na nube nos ditos países europeos e o produto final do proxecto: a guía Aprendendo na Nube, que inclúe o software desenvolvido (nubes escolares)
Segundo engade a USC, será un evento de balde para as persoas inscritas e aberto á participación activa desde todo o mundo a través de tecnoloxía streaming en directo. Todas as persoas participantes no evento presencial recibirán un diploma de participación na xornada expedido pola USC e o CESGA. Prégase inscrición previa na web do proxecto.
Experiencias no CRA Boqueixón-Vedra
Como recordaremos, a vertente galega da iniciativa levouse a cabo co CRA Boqueixón-Vedra, cuxo claustro envorcouse coa iniciativa achegando a visión educativa e o contexto axeitado para acadar a solución desexada. Os resultados deste piloto foron moi valorados non só pola comunidade educativa participante, senón pola propia HP Labs, quen convidou ao CESGA a presentalos na súa xuntanza anual HP Catalyst Summit en Nova Delhi en 2011, ou máis tarde, co recoñecemento dun premio internacional da Fundación Telefónica.
Como dixemos, a iniciativa galega medrou en 2012, grazas ao apoio da empresa galega Balidea Consulting & Programming e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia así como da AMTEGA, quen apostaron por estender e ampliar a experiencia a 4 CRA: o CRA Amencer de Ribadavia, Nosa Señora do Faro de Ponteceso, o CRA de Vilaboa e o CRA Boqueixón-Vedra, denominándose este proxecto Rede de Escolas na Nube.
Para máis información sobre este proxecto cómpre visitar a súa web, Facebook ou Twitter.
O 10 de outubro celébrase en Santiago a conferencia final de RuralSchoolCloud
Compartir Este Artigo

