O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, Manuel Baltar, defendeu en Madrid na súa intervención no South Summit 2015, o macroevento de emprendedores e innovación empresarial que se celebrou entre o 7 e o 9 de outubro, a implantación dun “ecosistema de innovación” no que se impliquen conxuntamente administracións, axentes sociais e emprendedores, “porque o apoio ao financiamento é clave, pero non é menos importante desenvolver as condicións apropiadas, con procedementos sinxelos, que permitan xerar ideas, artellar proxectos de éxito e garantir a sostibilidade das empresas”. Manuel Baltar presentou en inglés as innovacións que puxo en marcha no goberno provincial, sendo o único político convidado, e participou na Start-up School, sección na que xestores e empresarios presentan ferramentas de vangarda e consellos de innovación.
Segundo lembra o organismo provincial, Baltar foi convidado pola organización do South Summit, que se desenvolveu na Praza de Touros de Las Ventas, en Madrid, encontro no que participaron as firmas máis innovadoras e os relatores máis referenciais a nivel mundial do ámbito dos negocios e as tecnoloxías. Nesta edición superáronse as cifras do ano pasado, que rexistraron preto de 7.000 asistentes de 34 nacionalidades, 3.500 emprendedores, 1.800 grandes empresas e 450 investidores.
O presidente do goberno provincial explicou que unha das liñas estratéxicas do Plan Ourense 15-19 –a folla de ruta da Deputación para este período político- “é a atracción de emprendedores nacionais e internacionais que veñan da man de investidores externos. Dende a Administración estamos a traballar para que neste contexto internacional de grande actividade investidora unha parte deste emprendemento se asente na provincia de Ourense”. E engadiu: “Somos unha administración sólida que actúa con firmeza, dous atributos que esixe calquera proxecto emprendedor de éxito, aos que se lle suma a planificación e a previsibilidade”, dixo, lembrando que a Deputación de Ourense foi “a primeira administración pública en aprobar no mes de setembro os orzamentos do ano seguinte”.
Na súa opinión, “nin en Ourense, nin en Galicia nin en España falta talento ou espírito emprendedor”, apuntou, reforzando logo esta afirmación coa frase “I Believe in Ourense” (“creo en Ourense”), usada para expresar o seu convencemento no potencial da provincia como acubillo dun polo de investimento no que se desenvolvan importantes proxectos tecnolóxicos, moi orientados cara á Administración Electrónica e todas as súas potencialidades e na liña do concepto de Provincia Intelixente (o concepto que abrangue os proxectos e procesos que se están a levar a cabo en Ourense no ámbito da innovación aplicada aos servizos públicos).

Baltar apostou tamén por “explotar as nosas singularidades e converter á nosa provincia nun lugar importadora de ideas e de negocio. En Europa e América moitas cidades teñen variado seu ecosistema para atraer pequenos emprendedores que a medio prazo fortaleceron o seu proxecto empresarial. Pero o noso concepto vai máis aló territorialmente falando: non só queremos unha cidade atractiva senón que facemos extensiva esta proposta a ofrecer toda unha provincia na que poder investir e situarse”, afirmou Manuel Baltar, citando como exemplos a Tel Aviv, Portland ou Curitiba, cidade esta última á que foi convidado o presidente para presentar o seu modelo de provincia, no marco do Seminario internacional sobre Governança metropolitana, promovido polo Banco Interamericano de Desenvolvimento e o goberno do Estado de Paraná que se celebra os vindeiros 22 e 23 de outubro. Neste evento exporanse os modelos da provincia de Ourense xunto coas experiencias neste ámbito de urbes como Bos Aires, Medellín e Toronto.
A Deputación de Ourense presentou en South Summit o seu modelo de xestión provincial
Compartir Este Artigo

