Seguir incidindo no potencial da formación TIC como actividade laboral de longo alcance, desta volta facendo fincapé nas posibilidades da aplicación tecnolóxica no ámbito do deseño e a construción de inmóbeis e espazos urbanos. Este é o gran obxectivo da cita que organizan este xoves 15 o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), falamos da xornada Faite profesional dixital de tecnoloxías informáticas na arquitectura. O encontro insírese na campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase na Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC).
Segundo informan as entidades organizadoras, “os asistentes ao evento coñecerán, grazas ás intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual no eido da arquitectura”. Máis en detalle, amosarán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, complementando a exposición os relatorios individuais con debates abertos.
O encontro desenvolverase de 17.15 a 20.00 horas no Salón de Actos da ETSAC. A inscrición é libre e de balde, e as persoas interesadas en asistir poden inscribirse a través do enderezo electrónico eventos@cpeig.org ou da web www.profesionsdixitais.org, na que tamén figura o programa e información da iniciativa e dos relatores que participan.
Sobre o programa de actividades, sinalar que trala benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e do director da ETSAC, Fernando Agrasar, intervirá Eloi Coloma Picó, consultor especialista en BIM e director do Master en BIM Managament Steering da Universidade Politécnica de Catañuña (UPC) para falar do Impacto das tecnoloxías da información no sector da construción.
A continuación, falará Aitor Almaraz Sánchez, estudante do Master Universitario de Arquitectura da ETSAC cunha charla baixo o epígrafe de Pensando en paramétrico. Contornas dixitais.
Pola súa banda, Luis Antonio Hernández Ibáñez, profesor titular da UDC e coordinador do Grupo de Visualización Avanzada e Cartografía en Arquitectura, Enxeñaría Civil e Urbanismo, falará da Realidade virtual, interacción natural e motores de videoxogo. Tendencias en visualización interactiva de arquitectura.
O último dos relatores será José A. Vázquez, xefe de estudos da ETSAC, quen realizará unha presentación do Obradoiro de Fabricación Dixital da ETSAC. Para rematar a xornada, está previsto un debate entre os relatores e o público.
O CPEIG e AMTEGA amosan este xoves o potencial das profesións TIC no eido da arquitectura
Compartir Este Artigo

