A start-up tecnolóxica galega Kiply vén de lanzar unha nova versión beta do seu software de produtividade persoal, Kiply. Segundo fan saber os responsables da empresa, “esta nova chega integra de forma única tecnoloxía, ideas e metodoloxía para que os usuarios aprendan a mellorar a súa vida profesional e persoal”. O obxectivo da firma, con esta versión acabada de estrear, foi conseguir que Kiply avanzase na personalización dos servizos que ofrece aos seus usuarios para que coñezan en tempo real como e en que invisten o seu tempo.
Segundo engaden, o software polo de agora está só dispoñible para Windows e pode descargarse de balde a través da páxina web www.kiply.com.
Sobre como tirarlle partido, dende a empresa sinala que unha vez que teñamos instalado o programa no noso computador, Kiply comeza a traballar permitíndonos recompilar información sobre a nosa actividade de forma automática “e sen que sexa necesaria ningún tipo de intervención adicional”. Logo poderemos ver toda a información sobre a nosa actividade a través dun panel persoal web, un panel no que temos marxe para crear grupos de arquivos, cartafoles e programas para medir o tempo que traballamos en cada un deles.
Segundo engade Kiply, “toda a información amósase nunha interface organizada en tarxetas para que coñezamos o tempo que empregamos en cada proxecto ou nunha tarefa en concreto dunha soa ollada”. E engaden: “Cada luns recibiremos por correo electrónico un informe cun resumo da nosa actividade semanal para ver os nosos hábitos e a nosa evolución; e ademais chegaranos unha idea semanal que nos axudará a motivarnos e mellorar”.
Nos vindeiros días o panel persoal de Kiply irá incorporando melloras e novas funcionalidades como a posibilidade de medir o tempo investido nas URL. “Todo isto co único obxectivo de mellorar o servizo que ofrece aos seus xa máis de 300 usuarios”, explican dende a firma galega.
A versión gratuíta de Kiply diríxese sobre todo a profesionais independentes, autónomos e traballadores de pequenas empresas que fan un uso intensivo de dispositivos con conexión a Internet no desempeño do seu traballo cotián. Co lanzamento da nova versión gratuíta, Kiply quere contribuír a facer máis doado o día a día dos ditos profesoniais. Segundo comenta José Higinio Cánovas Losada, director executivo e co-fundador de Kiply: “Hoxe a nosa ferramenta dá un paso máis no camiño de lograr que os profesionais melloren a súa produtividade de forma totalmente personalizada e privada; queremos dar aos nosos usuarios o poder de coñecer como e en que invisten o seu tempo dunha maneira que non fora posible ata o de agora”.
Kiply lanza unha nova versión gratuíta do seu software de produtividade persoal
Compartir Este Artigo

