AGASOL, ASOLIF e Clúster TIC Galicia organizan a quinta edición de LibreCon, conferencia de negocio e tecnoloxías abertas, os vindeiros días 29 e 30 de outubro en Santiago de Compostela (Cidade da Cultura), cuxa axenda definitiva está xa pendurada en librecon.io/gl/axenda/. Segundo informan as entidades organizadoras, serán dúas xornadas para congregar nun único emprazamento a centos de responsables do mundo da empresa, a administración e a educación co obxectivo de dar a coñecer tendencias e casos de éxito baseados en tecnoloxías abertas. “Tendencias e casos de éxito que están a facer máis competitivas e innovadoras a empresas e administracións públicas”, engaden.
O obxectivo fundamental de LibreCon 2015 é pois a creación de negocio e emprego en todos os sectores da sociedade a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento. A previsión é superar as 500 reunións de negocio da edición 2014. A asistencia é gratuíta previo rexistro: Rexistro LibreCon.
“LibreCon é un escaparate no que ano tras ano amósanse os beneficios reais dun sector que constitúe unha alternativa real a empresas e administracións públicas de todo o mundo grazas á súa maior competitividade, aos grandes aforros achegados, así como ao desenvolvemento das economías locais”, indica David Olmos, presidente de ASOLIF.
A cita contará con representantes internacionais do mundo tecnolóxico da talla de Victor Palau de Canonical, Dominig Ar Foll de Intel Open Source, Roberto Zompi de GENIVI-Magnetti Marelli (grupo Chrysler-Fiat), Tin Hang Liu de Open Source Vehicle e Jim Groom creador de EDUPUNK que ofrecerán sesións maxistrais sobre Internet of Things (IoT), automóbil conectado e educación.
Co obxectivo de compartir coñecemento e fomentar a colaboración tecnolóxica, o programa abrangue arredor de trinta charlas e obradoiros a cargo dun gran número de empresas e representantes estatais e galegos como por exemplo Igalia, ASPGems, Irontec, IBM, SuSE ou Teléfonica, amais de organizacións como a Xunta de Andalucía ou a Universidade de Granada, entre outras. O resultado, sinala AGASOL, é “unha axenda cargada de sesións adicadas a dar a coñecer novas iniciativas que amosen como as tecnoloxías abertas axudan á xeración de negocio en todos os sectores de actividade”. A zona expositiva, premios e actividades sociais, completan dúas xornadas “ateigadas de tecnoloxía”.
“Queremos potenciar o networking e o intercambio de coñecemento arredor de solucións baseadas en tecnoloxías abertas que aumenten a competitividade e eficiencia das organizacións”, indica Xavier Castaño, presidente de AGASOL. E engade: “Temos unha axenda moi interesante que cobre temáticas en auxe como a Internet das Cousas, os automóbiles conectados ou novas tendencias educativas e que ademais toca temas de tecnoloxías asociadas como a nube ou o Big Data”.
Pola súa parte, Luís Alberto Fernández, xerente de AGASOL, sinala que “a presenza dos patrocinadores é fundamental”, sobre todo porque as súas achegas permiten aos impulsores do congreso realizar todas as tarefas propias da organización e contar, tamén, con relatores internacionais referentes no ámbito do open source.
Ademais das empresas participantes nas conferencias, LibreCon conta co apoio institucional da Xunta de Galicia, a Axencia Galega de Innovación (GAIN), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) e NOVA Xestión Cultural. Os patrocinios Platinum de Microsoft, e Gold de SuSE, Concello de Santiago e o operador galego R, permiten que o evento sexa de balde para todos os asistentes.
Un evento en familia, LibreKids
Co obxectivo de animar e facilitar a asistencia a aquelas persoas que teñan interese en participar nas xornadas o venres pola tarde, así como achegar a tecnoloxía aos máis pequenos, LibreCon habilitará o novo espazo LibreKids. Neste emprazamento haberá dous obradoiros dispoñibles para gozar da tecnoloxía nas actividades en familia. O taller Enredando con Mimadriña: origami e leds é unha proposta educativa e social que emprega como ferramenta base o origami (arte de orixe xaponesa baseada no pregado do papel) a partir de 5 anos. Pola súa banda, Enredando con escornabots: robótica e impresión 3D abertas achegará a robótica e a programación a nenos e nenas a partir de 6 anos. As actividades son de balde previo rexistro a través do sitio web da conferencia.
LibreCon 2015 converterá a nosa terra en referente internacional en tecnoloxías abertas e negocio
Compartir Este Artigo

