O Centro Tecnolóxico TIC de Galicia, Gradiant, está a expoñer a súa tecnoloxía integrable de recoñecemento biométrico no Biometrics 2015 de Londres, en palabras dos responsables do Centro “a cita máis importante do calendario a nivel mundial”. Gradiant amosou en detalle a dita tecnoloxía nun stand de seu por segundo ano consecutivo. No evento, que se celebra ata hoxe 15 de outubro (dende o día 13), citáronse, coma tódolos anos, as empresas máis senlleiras do escenario mundial en materia de biometría, integradores de sistemas e provedores de solucións de identificación e autenticación. A presenza de Gradiant enmárcase dentro da súa aposta pola internacionalización do seu catálogo tecnolóxico en beneficio da industria galega.
A tecnoloxía desenvolvida por Gradiant canto a recoñecemento e identificación biométrica colleitou un enorme éxito na cita londiniense. Polo stand do Centro Tecnolóxico pasaron empresas de tódalas partes do mundo, interesadas en integrar a tecnoloxía propiedade de Gradiant nos seus produtos. Recordar que o centro galego ten en carteira solucións robustas de recoñecemento facial con detección de vida, de recoñecemento de sinatura manuscrita e tamén de recoñecemento de locutor, todas elas operativas en dispositivos móbiles coma smartphones e tabletas, e doadamente integrables en solucións e produtos de terceiros.
Co gallo deste evento, Gradiant puxo en marcha un microsite que pode visitarse en biometricsbygradiant.com, e do que se poden descargar as demostracións plenamente operativas das súas solucións seguras e integrables de recoñecemento biométrico. O microsite estrea tamén unha evolución da linguaxe visual do Centro, elaborada en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e que irá estendendo progresivamente ás restantes liñas de traballo de Gradiant. Ademais da súa presencia coma expositor, Gradiant tamén tivo presenza destacada nos relatorios de expertos de primeiro nivel mundial que se celebraron arredor do evento: Esteban Vázquez, un dos enxeñeiros do Centro pertencente ó equipo especializado en biometría, ofreceu unha conferencia para os asistentes á cita londiniense durante o segundo día do evento.
Gradiant leva a súa biometría á primeira liña do escaparate mundial
Compartir Este Artigo

