Estes días lanzouse ao panorama de aplicacións a que se presenta como a primeira ferramenta que xunta todos os servizos que podemos precisar para os nosos animais de compañía. Chámase MeyPet e permite facer cousas como fixar na axenda visitas ao veterinario, levar o control das vacinas ou buscar profesionais do sector das mascotas. O seu obxectivo, indican os seus creadores (tres novos emprendedores de Manresa, Cristina Castañé, Pere Mestre e Andreu Serracanta), é converterse “nun referente para profesionais e propietarios de mascotas” e, tamén, nun xeito de facer o máis doado posible o coidado dos animais. E todo, din, “a través dunha ferramenta de acceso fácil e navegación agradable e intuitiva”.
A aplicación, engaden, aspira a facerse un oco no mercado europeo dos animais de compañía, no que se calcula que se moven ao redor de 25.000 millóns de euros cada ano. En motivo do seu lanzamento, a nova aplicación presentarase publicamente na feira Iberzoo 2015 BCN, que se celebra en Barcelona entre o 15 e o 17 de outubro, onde os ditos emprendedores estarán presentes con caseta propia.
Entre as funcionalidades que ofrece MeyPet aos propietarios de mascotas atópanse o acceso desde o teléfono móbil a un amplo abano de profesionais (veterinarios, canguros, hoteis, barberías caninas, etc.) e a localización dos máis próximos, o historial médico do animal e a posibilidade de compartilo co veterinario (se este tamén dispón da aplicación), a activación de alertas relacionadas coa nosa mascota e o arquivo de fotos con opción a partillalas coa familia, entre outras. Para os profesionais, MeyPet é unha ferramenta de xestión de clientes que lles permite almacenar todos os datos salientables sobre a mascota, ofrecendo un mellor servizo aos propietarios, así como captar novos clientes e manter no tempo aos que xa teñen.
MeyPet abrangue nunha app todos os servizos que precisamos para os nosos animais
Compartir Este Artigo

