Vodafone España vén de presentar o seu Informe Integrado Anual 2014-15, un exhaustivo documento de actividade que amosa a recente pegada económica, social e ambiental da compañía. Ou sexa, trátase dun resumo da empresa no ámbito estatal, os seus retos e as medidas habilitadas para acadar unha “sociedade máis sustentable”. O informe, nas súas palabras, pon de manifesto un “destacado fito na traxectoria de Vodafone”. Máis polo miúdo, dá conta da compra (en xullo de 2014) do Grupo Corporativo Ono, coa que se acelerou a estratexia de comunicacións unificadas de Vodafone. Tamén dá conta da dimensión total da súa contribución á economía española, que, de forma directa, ascendeu a 5.633 millóns de euros. Ademais, destináronse 1.110 millóns a investimentos.
Segundo se fai saber, unha parte significativa deste esforzo investidor foi impulsada polo Proxecto Spring, iniciativa do Grupo Vodafone deseñada para mellorar a experiencia de cliente e acelerar o despregamento das redes de nova xeración, e co fin de afianzar o liderado da firma na banda larga ultrarrápida fixa e móbil.
Por outra banda, no informe explícase que a compañía fixo adquisicións de produtos e servizos a provedores por valor de 4.878 millóns de euros, dos cales o 88% destinouse a provedores locais. No eido da responsabilidade coa natureza, as iniciativas de eficiencia enerxética postas en marcha permitiron á compañía evitar directa e indirectamente a emisión de 84.582 toneladas de CO2.
No que atinxe ao compromiso social, a Fundación Vodafone España destinou 4,6 millóns de euros a proxectos sociais e de innovación para mellorar a calidade de vida, o envellecemento activo e a integración socio-laboral das persoas pertencentes a “colectivos vulnerables”.
Vodafone achegou á economía estatal unha contribución directa de 5.633 millóns
Compartir Este Artigo

