Fiware Finodex, a aceleradora de proxectos TIC baseados en Open Data e financiada pola Comisión Europea para apoiar aqueles proxectos de PEME e emprendedores co obxectivo de xerar novos produtos e servizos TIC, vén de seleccionar os dez proxectos que acceden á cuarta e última fase do proceso. Cómpre dicir que, amais de coaching e asesoramento, recibiron 50.000 euros para converter os seus proxectos en realidade. É preciso subliñar que entre os elixidos están dúas empresas galegas: Linknovate Science e Infinbox situadas en Santiago de Compostela e Vigo respectivamente.
Emporiso, os seleccionados superaron tres fases anteriores: nunha primeira convocatoria foron seleccionados 49 proxectos entre 196 propostas, posteriormente 30 deses 49 e finalmente, tras o último corte, os dez mellores. Entre os seleccionados, atópanse 7 proxectos de empresas españolas de Málaga, Zaragoza (2), Vitoria-Gasteiz, Barakaldo e os xa citados de Compostela e Vigo.
A través de dúas convocatorias Finodex escolleu xa máis dun centenar de propostas innovadoras. Cada unha delas vai obter entre 10.000 e 170.000 euros de financiamento. Para iso, deben superar (asesoradas polo consorcio) diferentes fases nas que presentan a súa idea de negocio a futuros investidores. En total, investiranse 4,64 millóns de euros en apoiar aos proxectos seleccionados.
Os dez proxectos elixidos na cuarta fase, terán a oportunidade de asegurar outros 50.000 euros, e adicionalmente recibir un dos tres premios para os mellores proxectos da convocatoria, dotados con: 70.000, 35.000 e 15.000 euros, respectivamente, para o tres primeiros clasificados.
Proxectos seleccionados na terceira fase (Para máis información cómpre ver a táboa cos datos completos en formato PDF):
- Talkycar “Let your car be smart”. Talkykar S.L., sector Transporte, Málaga – España.
- Pesticide Finder “Your advisor on pesticide management”. Geospatiumlab, sector Agricultura, Zaragoza – España.
- LKN “Linknovate Innovation Search Engine”. Linknovate Science, sector novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, Santiago de Compostela – España.
- 3D Meteo “3D Meteorological Web Services”. Meteo for Energy, sector medio ambiente e enerxía, Vitoria-Gasteiz – España.
- GENESIS “Gene Expression Search Engine”. Medical Technology Group, sector saúde, Tallin – Estonia.
- FruitWatcher “Assessing fruit and fresh vegetables best conditions”. Geezar Solucións, sector Transporte, Zaragoza – España.

