Mañá remata o prazo para presentar candidaturas aos Premios Clúster TIC Galicia. Os interesados poderán dar de alta as súas propostas ata as 23:59 horas a través da páxina web do Clúster TIC Galicia, cubrindo o formulario online e axuntando a documentación que consideren oportuna. Os galardóns convócanse en cinco categorías: Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-ups e Software Libre.
O obxectivo dos premios é recoñecer o traballo de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información. Con esta iniciativa, o Clúster quere pór de relevo ante a sociedade o labor das empresas, profesionais e entidades que deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos ou servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser.
Poden presentar as súas candidaturas todas aquelas empresas e profesionais que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as comunicacións, ben sexa como provedores ou como entidades usuarias de produtos e servizos TIC galegos.
Para decidir os gañadores, o Clúster creará un Comité Avaliador Experto. Unha vez que se realice a votación do xurado, farase pública unha lista con tres finalistas por categoría. Os gañadores non se desvelarán ata a gala de entrega dos Premios, que terá lugar no marco do evento LibreCon 2015 o día 29 de outubro ás 19:30 horas, en Santiago de Compostela. Os interesados en asistir á gala de entrega dos Premios Clúster TIC Galicia poden inscribirse a través da páxina web de LibreCon.
Mañá remata o prazo para presentar candidaturas aos Premios Clúster TIC Galicia
Compartir Este Artigo

