A operadora galega Ocean´s vén de anunciar que ata o primeiro de novembro está “operativa” unha máis que interesante oferta promocional co gallo da festa de Halloween. A oferta consiste en que se contratamos algunha das tarifas para particulares (tarifas Terra) poderemos acceder a terminais “a prezos de susto” e con paquetes de accesorios incluídos. Esta promoción de Samaín, lanzada con “importantes descontos aplicados”, é definida pola empresa galega como “unha monstruosa oferta ideal para estrearmos dispositivo intelixente e gozarmos dunha das tarifas móbiles máis destacables do mercado”.
Para saber que terminais se mobilizan na campaña e que descontos se aplican, Ocean´s abriu unha sección específica na web de seu con información sobre todo o devandito. Máis polo miúdo, coa promoción de Halloween, Ocean´s pon a disposición dos clientes o Zhem 400, un terminal de 4 polgadas, cun procesador Quad Core 1.3, cámaras de 5 e 2 Mpx e Dual SIM. O Zhem 400 inclúe tamén un paquete composto por unha batería portátil Powerbank, funda de pel, funda de silicona, cargador USB, cargador para o coche e cable USB-micro de 1 metro de lonxitude.
Outra opción reside no Zhem 450, que inclúe os accesorios do devandito trebello (exceptuando a batería portátil Powerbank) e engade un bastón especifico para tomar auto-fotos. A campaña de Halloween inclúe tamén tres terminais da marca Alcatel con carcasas intercambiables en prata, ouro e branco para o Alcatel Pop Star e en prata e ouro para os Pop 3. O Alcatel Pop 3 caracterízase por ofrecer unha pantalla de 5 polgadas, 5 Mpx na seu cámara e Dual Sim. Tamén se inclúe na promoción o Alcatel Pop Star, con pantalla de 5 polgadas, cámaras de 8 e 5 Mpx, procesador Quad Core 1.3 e Dual SIM. E por último, o Alcatel Pop 3 de 5 polgadas de pantalla, o modelo máis grande, con dúas cámaras de 8 e 5 Mpx, procesador Quad Core 1.3 e Dual SIM.
Segundo sinala a operadora galega, cada un destes terminais pode conseguirse a través da contratación das diferentes tarifas móbiles Terra con descontos de ata o 90%. Ademais, “co obxectivo de chegar a un maior número de usuarios”, Ocean´s non só mantén esta oferta durante a festividade de Samaín, senón que amplía o seu período de validez desde o 26 de outubro ata o 1 de novembro, ambas xornadas inclusive, en contratacións realizadas en liña.
Ocean´s celebra o primeiro de novembro con “prezos de susto” nos seus terminais
Compartir Este Artigo

