O Hotel Convento San Francisco de Santiago acollerá este venres o Día do Emprendedor de Galicia, unha xuntanza destinada a pór sobre a mesa (e recoñecelo) o alento innovador dos nosos estudantes e empresarios presentes e futuros. A cita vén da man da Escola de Organización Industrial (EOI) e desenvólvese co epígrafe Obxectivo 3C: Crear, Consolidar e Crecer en 2016. Ao seu acubillo celebrarase a fase final dos Premios Galicia Emprende. O programa inclúe actividades dirixidas aos futuros empresarios entre as que se inclúen un espazo demostrativo de robótica e outro destinado a asesoralos sobre mercadotecnia ou finanzas, entre outras temáticas de interese.
A conferencia inaugural correrá a cargo de Edurne Pasaban, a primeira muller que subiu os 14 picos de máis de 8.000 metros do planeta. Como dixemos, os asistentes poderán obter asesoramento en áreas como a estratexia de negocio (o plan empresarial de cada firma), a internacionalización ou a mercadotecnia en liña. En total, haberá dez profesionais achegando asesoramento individual sobre estas e outras materias. Tamén haberá un programa composto por varios itinerarios específicos para emprendedores e seis intervencións doutros tantos especialistas en emprendemento centrándose en diferentes cuestións relativas a como pór en marcha unha empresa e consolidala.
Sobre os Premios Galicia Emprende, veñen da man da Fundación EOI e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE). O concurso busca recoñecer os mellores proxectos emprendedores de calquera sector de actividade no Día do Emprendedor de Galicia. Os participantes achegarán un vídeo de cinco minutos amosando en detalle o seu proxecto, dando conta das súas características, as súas estratexias e a súa viabilidade potencial. Existen tres categorías no concurso: Industrial, Internacional e Competitiva.
O Día do Emprendedor de Galicia amosa este venres o empuxe innovador da nosa mocidade
Compartir Este Artigo

