Victor Tuson Palau, vicepresidente de Canonical (a empresa creadora do sistema operativo Ubuntu, para moitos usuarios a opción preferida de cantos sistemas operativos achegan hoxe en día tanto o ámbito do software libre como o do privativo), estará os días vindeiros en Santiago, no congreso LibreCon 2015, para falarnos do presente e do futuro dos produtos tecnolóxicos da compañía e, tamén, da súa aplicación no terreo da Internet das Cousas. O relatorio de Palau será o día 29 de outubro, ás 10.00 horas, na Sala Lovelace do congreso que organizan en Compostela AGASOL, o Clúster TIC Galicia e máis ASOLIF. A súa intervención desenvólvese baixo o seguinte epígrafe: Como innovar sen comprometer a seguridade.
Segundo adianta Palau, boa parte do seu relatorio xirará arredor dos retos que teñen que afrontar sistemas como Ubuntu para manter a súa posición de líderes nos diferentes sectores produtivos ao longo dos anos vindeiros. Ao seu xuízo, boa parte destes retos pasan pola cuestión da seguridade, e máis cando o seguinte paso da Sociedade do Coñecemento e de todos os seus recursos pasan por un impulso xeral da chamada Internet das Cousas: unha universalización cara aos obxectos da nosa contorna de todo o que puidemos coñecer, nun principio, ligado só aos computadores e aos dispositivos. Segundo avanza, resultará fundamental na nova orde de cousas conectadas (e no espallamento da tecnoloxía e a comunicación que isto implica) ter estratexias e sistemas de seguridade axeitados e actualizados “en campo” para cando se despreguen billóns de cousas intelixentes. Ao fío desta temática, Tuson amosará as vantaxes de Snappy Ubuntu Core, un recurso deseñado dende o seu alicerce para atallar os devanditos problemas de seguridade e desprotección.
Victor Tuson afondará en LibreCon nos recursos de seguridade que vai precisar a Internet das Cousas
Compartir Este Artigo

