O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a AMTEGA organizan o vindeiro martes a xornada Faite profesional dixital do xornalismo. Este encontro é o sexto e derradeiro da campaña de divulgación e difusión de novos perfís profesionais na era dixital 1 mes, 1 profesión dixital e desenvolverase na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela de 16:45 a 19:00 horas na Aula 0 da Facultade de Ciencias da Comunicación. A inscrición é de balde e pode realizarse vía web.
Os asistentes ao evento coñecerán, a través das intervencións de destacados expertos e profesionais na materia, novas competencias e habilidades profesionais que se están a demandar no mercado laboral actual no eido do xornalismo. Os relatores exporán as características e requisitos do seu labor e perfil profesional, tanto de xeito individual como nun debate conxunto e aberto ao público.
Tras a benvida institucional, a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e do decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa, intervirá Manuel Gago, xornalista experto en blogs e profesor universitario. A continuación, Alejandro Espiño falará do e-xornalismo local desde a súa experiencia como periodista e fundador de PontevedraViva.com.
De seguido, a enxeñeira técnica de Telecomunicacións Esther Medina abordará a comunicación dixital no eido público desde o seu punto de vista como xefa de Innovación e Novas Canles da CRTVG. Despois da súa intervención, o investigador e vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Carlos Toural, abordará a marca persoal coa súa conferencia Como vestir o ego dixital.
Como remate da xornada Faite profesional dixital do xornalismo, está previsto un debate entre os relatores e o público.
O vindeiro martes celebrarase en Compostela unha xornada sobre as novas competencias e habilidades do xornalismo
Compartir Este Artigo

