O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está estes días botando unha man nun importante estudo para amosar o estado de saúde do tecido das novas tecnoloxías dende un punto de vista profesional. Trátase da Enquisa de Situación Laboral do sector TI en España 2015, investigación do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñaría en Informática (CCII) na que xa (por certo) xa se pode participar achegando respostas e tendo de prazo ata o vindeiro 6 de novembro. Segundo nos contan dende o CPEIG, os datos resultante da enquisa serán datos de valor a todos os niveis e dende todos os puntos de vista.
E serán de importante valor, sinala o colexio galego, porque “para tomar decisións laborais, nada mellor que coñecer como está o mercado, canto se paga polos diversos postos que podemos ocupar os profesionais do sector, que formación ou experiencia son máis valoradas, que aptitudes precisamos complementar para poder optar a postos de meirande remuneración”. Polo tanto e tendo en conta todo o devandito, o estudo resultante constituirá, en palabras do CPEIG, “o mellor instrumento dos profesionais do tecido produtivo TIC para facer benchmarking profesional”. Porén, para facelo posible precísase da participación das e dos integrantes do sector das novas tecnoloxías, de aí que o colexio, en nome do Consello Xeral, estea a facer un chamamento para incentivar esta colaboración.
Cos datos recollidos o CCII elaborará un estudo que probablemente será dado a coñecer durante o mes de decembro. A descarga e consulta do devandito documento será pública e gratuíta desde a web do Consello e os Colexios participantes.
O CPEIG fai un chamamento para participarmos nunha enquisa que amosará a situación laboral do sector TI
Compartir Este Artigo

