
Á xuntanza acudirán integrantes da Rede Galega de Procesamento da Linguaxe e Recuperación de Información (Rede PLIR), composta por sete grupos de investigación das tres universidades galegas que traballan neste eido; tres da Universidade da Coruña, un de Santiago e outros tres de Vigo. Así, estes grupos (nos que participan lingüistas e expertos en Ciencias da Computación) reuniranse este venres en Santiago para presentar os seus principais avances a empresas nacionais e internacionais representativas do sector. Asemade, Roi Blanco, investigador de Yahoo!, repasará a importancia da integración das tecnoloxías da lingua no desenvolvemento de buscadores web de última xeración.
O coordinador da Rede será Manuel Vilares Ferro (catedrático da Área de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade de Vigo) quen sinala que “o obxectivo destas VII Xornadas Empresa-Unidade é favorecer a comunicación entre os investigadores e as empresas vinculadas ao procesamento da linguaxe e ao tratamento informático da información, de xeito que lles poidamos achegar os resultados dos nosos traballos, ao tempo que as empresas nos fan partícipes das súas necesidades máis inmediatas. Esta é a mellor maneira de establecer futuras colaboracións e consolidar as xa existentes, a prol do coñecemento mutuo”.
O eido común de traballo destes investigadores é o procesamento da linguaxe natural ou humana para a súa integración en ferramentas informáticas. Os campos de aplicación van dende o académico (posibilitando o estudo da propia estrutura da lingua), a aqueles que están máis preto do gran público como pode ser o desenvolvemento de buscadores web, vixilancia tecnolóxica, tradutores automáticos, ata o apoio no ensino.
Tal como salientan os expertos, trátase de orientar o traballo dos investigadores de cara á xestión da avalancha de coñecementos dispoñibles na actualidade a través das plataformas internet popularizadas dende hai dúas décadas, e máis recentemente impulsadas pola introdución das redes sociais.
Unha das aplicacións con máis futuro neste eido é a análise da información para saber o que os usuarios opinan sobre un determinado produto ou servizo, mediante o emprego de robots que estudan os contidos dixitais, incluídas as redes sociais. Deste xeito pódense analizar os gustos, preferencias ou necesidades dos consumidores, co fin de realizar estudos de mercado con resultados máis fiables que os que achegan as enquisas de opinión.
A tecnoloxía da linguaxe será revisada este venres por expertos das tres universidades galegas e Yahoo!
Compartir Este Artigo

