Xa o vimos en repetidas ocasións e a propia compañía nolo confirmou en LibreCon 2015: o software libre ten cada vez máis peso na oferta de produtos de Microsoft. Esta semana, sen ir máis lonxe, a empresa presentou os vindeiros froitos dun acordo con Red Hat, firma abandeirada da programación aberta e as súas posibilidades. O pacto entre ámbalas compañías, fíxose saber, axudará aos clientes a adoptar a nube híbrida “proporcionando meirande capacidade de elección e flexibilidade no despregamento das solucións de Red Hat sobre Microsoft Azure”. Como lembraremos, Azure é a solución global da compañía de Windows para o ámbito cloud.
No marco deste acordo, nun plano máis concreto, Microsoft ofrecerá Red Hat Enterprise Linux como “opción preferente” para as cargas de traballo empresariais de Linux sobre Microsoft Azure. Ademais, as dúas corporacións traballarán xuntas para “responder as necesidades das empresas, entidades e desenvolvedores co obxectivo de para construír, despregar e xestionar aplicacións sobre software de Red Hat en nubes públicas e privadas”.
Entre os elementos clave deste acordo cómpre salientar que as solucións de Red Hat estarán dispoñibles para os clientes de Microsoft Azure “de forma nativa” (nas vindeiras semanas a solución na nube de Microsoft converterase en provedora certificada de Red Hat en materia cloud). Ademais, o pacto aposta de cheo polo soporte integral en contornas híbridas (os clientes terán apoio entre plataformas e entre empresas de forma integrada sobre os produtos de Microsoft e Red Hat, “a diferenza doutros acordos similares na cloud pública”).
Por outra banda, colaborarán conxuntamente en .Net, o framework de Microsoft, dando forma a unha nova xeración de capacidades de desenvolvemento de aplicacións. Así, sinalaron, “ampliando a previa de .Net sobre Linux anunciada en abril por Microsoft, os desenvolvedores terán acceso a tecnoloxías .Net a través da oferta de Red Hat, incluíndo Red Hat OpenShift e Red Hat Enterprise Linux, apoiadas conxuntamente polas dúas compañías asinantes do acordo”.
Microsoft e Red Hat ofrecen un novo estándar para a nube empresarial
Compartir Este Artigo

