Hoxe ás 12.00 horas inaugúrase no CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo a primeira sesión oficial do Club de Codificación do centro. Na actividade, que vai ser posta en marcha oficialmente polo director do CEIP, Javier Díaz López, participarán máis de 300 alumnas alumnos de terceiro, cuarto, quinto e sexto curso de Educación Primaria. A iniciativa diríxese a difundir as posibilidades da linguaxe de programación dende idades temperás. A través do Club de Codificación Ponte dos Brozos, os escolares poderán aprender e intercambiar coñecemento sobre os fundamentos da linguaxe de programación durante o seu período de lecer. E farano, informa a dirección do centro, “dunha maneira moi visual e intuitiva”.
Lembrar que esta actividade é unha das propostas do proxecto Gamificación e programación de videoxogos, gañador na segunda convocatoria do concurso Proxecta Innovación (Fundacións Amancio Ortega e Santiago Rey Fernández-Latorre).
Segundo explica o centro arteixán, o obxectivo do Club de Codificación é iniciar ás rapazas e rapaces na creación e no desenvolvemento de ferramentas informáticas, tentando ir máis alá do que se realiza en moitas aulas deste centro “dun xeito curricular”. Búscase, polo tanto, que a programación chegue ao resto do alumnado “para que todas e todos poidan coñecer esta linguaxe do século XXI”. Amais de iniciárense na programación, os participantes poderán comezar a entender ideas matemáticas, variables, condicionais así como estratexias diversas para solucionar problemas, deseñar proxectos e comunicar ideas.
Este club está pensado dos nenos e para os nenos. Estará integrado por alumnado cunha experiencia de dous cursos programando nas súas aulas que será o encargado de transmitir e dirixir a aprendizaxe do resto das súas compañeiras e compañeiros.
En marcha o Club de Codificación Ponte dos Brozos
Compartir Este Artigo

