A Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo (USC) vai organizar un concurso de geocaching. O certame da EPS está aberto á participación de estudantes de segundo ciclo da ESO, Bacharelato ou de ciclos formativos superiores. A actividade desenvolverase o 18 de novembro na contorna do Campus. Alí, os participantes organizaranse en equipos de catro ou cinco persoas (estudantes do mesmo centro) que irán acompañadas, na súa andaina (superando as probas que poña no camiño a organización), por alumnos do título de grao en Xeomática e Topografía na EPS. A práctica do geocaching, para que non o saiba, é unha actividade a desenvolver colectivamente, polo regular en espazos abertos, e que consiste en agocharmos e atoparmos tesouros coa axuda da tecnoloxía GPS dos nosos aparellos móbiles.
Sinalar que o concurso é un geocaching múltiple: unha variación do orixinal na que os participantes exploran a contorna co seu GPS do móbil ou cun navegador que lles facilitará a EPS a partir dunhas coordenadas iniciais, á procura do primeiro tesouro, para logo atopar ata 4 geoaches diferentes ocultos en distintas localizacións. Nesta procura, os participantes deberán dar resposta a diversas preguntas relacionadas coa Xeomática para acceder ás coordenadas das seguintes posicións.
O programa deste concurso de geocaching desenvolverase en quenda de mañá. Os membros da organización recibirán os participantes ás 10.00 horas no salón de actos da Escola Politécnica Superior, onde logo se desenvolverá un relatorio de presentación da titulación de grao en Xeomática e Topografía. Unha sesión introdutoria sobre manexo e recursos do GPS e para dar as instrucións do concurso propiamente dito marcarán o inicio da competición, que se desenvolverá de 11.30 a 13.30 horas, e rematará coa entrega de premios. Os integrantes do equipo gañador recibirán como agasallo cadanseu dron con cámara, ademais dun diploma para o centro. O segundo premio contempla gafas 3D móbil para cada participante e diploma acreditativo para o centro educativo.
O Campus de Lugo acolle o día 18 un concurso de geocaching múltiple
Compartir Este Artigo

