O Colexio Fogar da Fundación Galicia Obra Social (Afundación) acollerá esta semana, do 9 ao 13 de novembro, a súa IX Semana Técnica (SETEC), unha iniciativa na que está previsto que participen empresas e profesionais referentes no ámbito industrial. O obxectivo da semana, que se desenvolve baixo o epígrafe Xuntos somos máis, é amosar ao alumnado as saídas profesionais que achegan os cursos de grao medio e grao superior. Deste xeito, búscase familiarizar aos estudantes co mundo laboral que lles agarda fóra das aulas, fornecéndolles “unha visión clara e veraz” do mesmo.
A axenda inclúe un cumprido feixe de actividades artelladas en oito grandes eixes temáticos: a aproximación ás novas tecnoloxías, o fomento da innovación e a creatividade, o fomento da creación de empresas, as expectativas das empresas á hora de contratar traballadores, a importancia da seguridade no traballo e o labor dunha inspección, o papel que realizan os sindicatos e a toma de contacto in situ sobre a realidade dalgunhas empresas.
A nivel de contidos específicos, haberá charlas de motivación emprendedora, técnicas de procura de emprego, tecnoloxías de rede aplicadas á seguridade, unha aproximación ao coworking e aos novos modelos de traballo, contidos sobre iluminación LED e ferramentas pneumáticas e electrónicas, sobre o sector metalúrxico en Galicia e sobre as posibilidades de formación ou as bolsas FEUGA.
A nivel de formato, haberá relatorios, exposicións, visitas a empersas e demostracións ao longo dos cinco días que abrangue a actividade.
As charlas de índole xeral irán dirixidas a de achegar o alumno ás novas situacións que se atoparán unha vez que rematen os seus estudos no centro. Nas visitas ás empresas da contorna industrial, “os asistentes poderán ver de primeira man a aplicación de todo aquilo que estudaron nas aulas e os obradoiros do colexio”, sinala Afundación, que engade que nos relatorios sobre temas específicos relacionados con cada unha das familias profesionais impartidas no centro, “os estudantes poderán ampliar os seus coñecementos sobre os estudos que levan a cabo”.
O Colexio Fogar Afundación acolle a súa IX Semana Técnica
Compartir Este Artigo

