Dar a coñecer as marabillas da historia da arte ás novas xeracións, fomentando a interacción plena con elas e a creatividade arredor do que estas nos legaron, é o gran obxectivo de Nubla, o videoxogo español do que falamos recentemente para salientar o seu potencial para meternos de cheo nos cadros que acubilla o Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid. Precisamente esta pinacoteca foi o escenario, onte, da presentación e lanzamento oficial da aventura gráfica, “un onírico videoxogo que basea os seus espazos nalgúns dos cadros da súa colección permanente”, en palabras de Sony Computer Entertainment España (SCE España), cuxos responsables engadiron no acto que Nubla precisou dous anos de “intenso traballo” por parte do equipo de desenvolvemento.
Este equipo estivo integrado por un grupo de alumnos-deseñadores procedentes da Escola Universitaria de Deseño, Innovación e Tecnoloxía (a ESNE de Madrid), o estudo madrileño Gammera Nest e a área de Educación do Museo Thyssen no marco do programa de desenvolvemento local PlayStation Talents (Sony). Nubla foi posible tralo acordo asinado entre Sony e o Museo Thyssen-Bornemisza en outubro de 2014.
O título, exclusivo para PlayStation 4 (PS4TM), está dispoñible desde hoxe en formato dixital para descarga a través de PlayStation Store, a un prezo de 9,99 euros e cun PEGI 3, “o que permitirá achegar o mundo da pintura (e desta pinacoteca en concreto) aos xogadores máis novos, dunha forma orixinal e lúdica: a través da súa consola”, sinalou Sony, que engadiu na presentación que estamos perante “un xogo único enlaza máis que nunca os conceptos de videoxogo e cultura, unha idea que aínda custa facer entender, aínda que pareza sorprendente”. E engadiu: “Nubla é o título perfecto para que os máis pequenos da casa se acheguen ao universo da pintura e do Thyssen dunha forma divertida e diferente”.
O xogo, como lembraremos, propón unha aventura que se inicia nas salas do Museo Thyssen, onde o xogador atoparase cun personaxe, “único habitante dun universo imaxinario que existe no interior dos cadros”. Ao seu carón, iniciará unha viaxe que lle levará a descubrir o fantástico mundo de Nubla, “cheo de quebracabezas e lugares esquecidos”. Ao longo da trama, o protagonista deberá ir construíndo a súa propia identidade, que descubrirá a través dos escenarios da historia, inspirados nalgúns dos cadros da colección permanente do Museo Thyssen, e repasando os estilos artísticos máis representativos da historia da pintura mentres supera diversos retos.
Segundo se fixo saber na presentación, “Nubla, amais dun xogo, é un interesante proxecto educativo que pon en diálogo a arte, a tecnoloxía e as novas narrativas, xerando unha reinterpretación creativa das obras do museo”. Escenarios, personaxes e mecánicas do xogo inspíranse en obras e estilos artísticos, obras como por exemplo Fränzi ante unha cadeira tallada (Kirchner, 1910); A casa da esquina (Meidner) ou a Habitación de hotel de Hopper, entre outras moitas xoias da arte contemporánea.
O Museo Thyssen-Bornemisza acolleu o lanzamento oficial de Nubla
Compartir Este Artigo

