
Impartiron a xornada o director técnico de Ednon, Ricardo Rodríguez; a especialista en vendas de seguridade de Dell Security, María García; o director rexional de vendas para España e Portugal de Imperva, Jesús Vega; o enxeñeiro de prevenda senior de Intel Security, Jonathan Rendal; e o xerente de desenvolvemento de negocio do sector industrial de Ednon, Luciano Novo.
Ricardo Rodríguez explicou que as medidas de seguridade básicas non son deben ser técnicas, “senón organizativas e de concienciación de todo o persoal da PEME”. E engadiu: “A seguridade non é un produto técnico, é un proceso continuo”, engadindo que “un socio tecnolóxico experto pode axudar ás empresas a implantar e manter unhas medidas de seguridade básicas que deben evolucionar ao longo do tempo, aliñadas co negocio da empresa e a maneira de traballar”. Segundo lembrou, as novas tecnoloxías evolucionan a ritmo de vertixe, e hai ben pouco tempo non había posibilidade de termos datos comerciais en dispositivos móbiles ou de transferir datos persoais ou financeiros a aplicacións na nube, ou mesmo de acceder con equipos persoais á rede da empresa “como si que acontece hoxe en día”.
O director técnico de Ednon indicou que sería aconsellable “protexer a información a nivel de rede cun corta-lumes de nova xeración con todos os seus servizos de seguridade habilitados”. A isto, dixo, cumpriría engadir unha protección efectiva da rede Wifi, dispositivos móbiles cun software de protección antivirus actualizado, unha estratexia preventiva de copias de seguridade e de recuperación da información, así como unha protección integral dos servizos que se ofrecen a clientes ou terceiros a través de Internet.
Segundo fixo saber, arestora as ameazas máis comúns sufridas polas empresas son o roubo de información, as intrusións e interrupcións dos sistemas informáticos mediante malware, software espía, usuarios internos ou externos malintencionados, ademais da perda de información, datos ou activos, “sempre debido á falta dunha planificación axeitada e a inexistencia de plans de continxencia”. E concluíu: “Moitas PEME adoitan pensar que os seus datos e a súa información non interesan a ninguén, pero os ciberdelincuentes saben que as empresas son máis vulnerables e tiran partido delas como medio para realizar ataques a outras organizacións maiores, por exemplo mediante computadoras zombie controladas de xeito remoto”.
Sobre o investimento para pór apunto unha PEME en materia de seguridade TIC, Ricardo Rodríguez engadiu “que o capital investido non ten por que ser moi elevado”. Na súa opinión, arestora hai fabricantes que comercializan paquetes de servizos xestionados e que permiten desembolsos periódicos por mensualidades como calquera outro servizos externo integrado na firma.
Ednon expón as principais ameazas TIC para unha PEME e os mellores xeitos de atallalas
Compartir Este Artigo

