
O micromecenado é un fenómeno moi de moda, pero aínda que para produtos culturais (como un disco, unha película ou un libro) está a ser unha ferramenta moi práctica, que facilita a viabilidade de numerosos proxectos, cando falamos de produtos existe unha grande confusión, ao entender o mecenas que está a realizar unha compra anticipada, cando realmente está a contribuír a un proxecto que pode fracasar, de xeito que a posibilidade de verse decepcionado por non recibir un produto final decepcionante, fóra de prazo ou incluso non recibir contraprestación ningunha sempre está aí, e incluso afecta a algúns dos proxectos máis importantes.
Neveira portátil problemática

O caso máis notable nos últimos meses é o da Coolest Cooler, unha neveira portátil multimedia que o ano pasado converteuse no produto de máis éxito en Kickstarter, e que está considerada como un dos meirandes desastres en Kickstarter, xa que os responsables do proxecto tiveron numerosos problemas na fabricación, agravados por problemas cun provedor dun dos elementos do seu motor, do que non foron capaces de atopar substituto, de xeito que moitos dos máis de 60.000 mecenas que achegaron máis de 13 millóns de dólares a este proxecto que tería que terse convertido en realidade no mes de febreiro continúan a agardar pola súa neveira e, para maior indignación, ven como o produto saíu á venda en Amazon, o que resulta moi frustrante para xente que xa achegou os seus cartos hai ano e medio. A compañía promete completar o envío das unidades da neveira aos seus patrocinadores antes de abril de 2016, ou sexa, 14 meses despois do prometido.
O prometedor dron que queda en fume

Pero non é o único grande proxecto de Kickstarter en provocar unha grande insatisfacción, senón que hai casos bastante peores, como o do dron autónomo ZANO, que xuntou 2.335.119 libras esterlinas (uns 3,23 millóns de euros) e quedou nunha mera declaración de intencións, non chegando a completar un produto viable, de xeito que os mecenas non recibiron ningún tipo de recompensa pola súa achega económica, o que levou a Kickstarter a contratar a un xornalista para que realice unha reportaxe sobre o fracaso do proxecto europeo que máis cartos xuntou nesta plataforma de captación de financiamento. Deste xeito poderanse coñecer os detalles deste proxecto para despexar as dúbidas de se estamos ante un caso de inexperiencia e mala sorte ou na estafa que temen algúns mecenas.
Adiamentos inaceptables

Unha das malas novas ao redor do micromecenado das últimas semanas afecta tamén a un produto que non parecería problemático nun primeiro achegamento, como sería o xogo de rol xaponés para PC Project Phoenix, que superou o millón de dólares en Kickstarter, e que tería que terse rematado en marzo de 2015 e esta mesma semana publicaron unha actualización na que mudan o seu calendario estimando que non terían unha versión completa do xogo ata primeiros de 2018, á que habería que someter a probas durante medio ano, ou sexa, que o xogo padecería un retraso que posiblemente supere os tres anos, o que vai moito máis aló do razoable para un título independente, especialmente porque os responsables do desenvolvemento rexeitan polo momento aceptar solicitudes de devolución dos cartos aos seus mecenas, xa que precisan os cartos para poder completar o proxecto.
Micromecenado galego que cumpre

A acumulación de fracasos en Kickstarter non pode facernos esquecer que esta plataforma está a ter moita forma á hora de promover a innovación, e realmente o número de proxectos frustrados tras acadar financiamento é moi reducido. Amais tamén hai que ter en conta que moitas das iniciativas non están a recorrer a Kickstarter como unha fonte de financiamento para desenvolver o seu I+D e iniciar a produción, senón que tamén hai proxectos que contan con outras fontes de financiamento, e queren aproveitar o escaparate global de Kickstarter para dar a coñecerse ao mundo e, de paso, facer partícipe ao público da súa iniciativa empresarial.
Nesta liña estaría un proxecto galego que xa é unha realidade, Micaton, que puidemos ver en vivo durante a primeira edición da Compostela Mini Maker Faire, e que está a piques de completar unha campaña en Kickstarter xuntando máis de 100.000 dólares, ou sexa, dobrando a meta que se tiñan fixado para que uns tres milleiros de mecenas poidan facerse con este anovador suxeita-parafusos que mediante a imantación facilita a colocación de parafusos en lugares de difícil acceso e que é compatible con desparafusadores manuais e eléctricos.

Temos así un magnífico exemplo de como unha compañía viguesa desenvolveu industrialmente unha idea dirixida ao mercado internacional e, para facilitar a divulgación do seu produto, optou polo micromecenado para vender o seu produto e facilitar a súa proxección global. O obxectivo parece cumprido, e en poucos meses poderemos ver como os mecenas reciben o seu produto e achegan o feedback que pode axudar tanto á futura mellora desta liña de produtos como á súa popularización en mercados aos que sería difícil chegar por canles tradicionais.
