Onte tiña lugar a xornada de formación Orientación ao cliente, que o Clúster do Turismo de Galicia celebraba en Santiago de Compostela en colaboración coa Escola de Negocios AFundación e no que participaron máis de 70 profesionais. Nesta master class tratáronse temas como o uso das tecnoloxías a xeito de ferramentas para tirarlles o maior proveito, así como a diferenciación e especialización do produto e do servizo, sen esquecer ao cliente, factor decisivo.
A xornada, que se celebrou no Centro Social Abanca de Compostela, contou coa presenza de Pablo Foncillas, profesor da IESE Business School e experto en Estratexia Comercial, Mercadotecnia e Liderado no eido comercial, que centrou o seu relatorio nas oportunidades que presenta a nova contorna dixital. Asemade, analizou a comercialización dixital, tendencias de comercio electrónico e decisións que toman os directivos e como poden influír no éxito da empresa. Foncillas centrouse no comercio electrónico en Europa, así como na integración do botón de compra nas redes sociais xerais.
Na xornada acompañoulle Isabel Aguilera, conselleira do Banco Mare Nostrum, AEGON e EGASA XXI e membro do Consello de Administración de Indra, cuxo relatorio, O teu mellor aliado é o cliente, centrouse nas vantaxes do cliente como o mellor aliado para o empresario. A dixitalización e a irrupción das novas tecnoloxías, foron outros aspectos a tratar por ela, salientando os cambios no comportamento dos clientes, entre outras cousas. Aguilera recomendou escoitar aos clientes, empregar a tecnoloxía para facer as cousas máis sinxelas, usándoas para afrontar os retos e desafíos que nos presenta o mercado.
O encontro pechouse cun debate no que se abrangueron aspectos que afectan ao sector turístico: o prezo, a calidade e a especialización da oferta e que contou coa presenza do director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Maestro.
O Clúster do Turismo pecha as súas xornadas de formación salientando a utilidade das TIC
Compartir Este Artigo

