
En canto a novidades, este ano o acordo inclúe a posibilidade de dispor dunha listaxe de aulas de reserva de xeito que, cando unha aula de referencia sexa baixa por vontade propia ou por incumprimento dos criterios establecidos, as aulas de reserva poderán pasar a ser aula de referencia sempre e cando cumpran os requirimentos de actividade.
Os obxectivos previstos da Rede para 2016 son impartir 45.000 horas de formación dixital de balde e acadar os 56.000 usuarios rexistrados.
Xunto coas actividades formativas, o vindeiro ano poranse a disposición da cidadanía galega dúas novas ferramentas para facer máis doado o acceso aos recursos de capacitación dixital. Estamos a falar dunha web de Inclusión Dixital, que integrará nun único espazo toda a información relacionada cos servizos, proxectos, iniciativas e actividades desenvolvidas pola Xunta de Galicia neste eido e un mapa de e-inclusión, que permitirá atopar e xeolocalizar todos estes activos e recursos dispoñibles en Galicia no eido dixital.
Asemade, tamén en 2016 terán continuidade proxectos e iniciativas que se puxeron en marcha en 2015 como CeMIT-Innova, un proxecto para o fomento da innovación social dixital en Galicia. Tamén se ampliará o alcance de O Banco de tempo, unha iniciativa para intercambiar e compartir horas de formación entre centros a través de videoconferencia.
A Rede CeMIT é a rede habilitada para acreditar á cidadanía a Certificación Galega de Competencias Dixitais en ofimática (CODIX), da que xa se examinaron máis de 840 persoas.
A Xunta e a FEGAMP levan dous anos colaborando no impulso de actuacións de inclusión dixital no marco da Administración Local e durante o 2016 traballarase para avanzar no cumprimento dos obxectivos marcados polas Axendas Dixitais española e europea, así como pola Axenda Dixital de Galicia 2020, que establece entre os seus desafíos o de pasar da alfabetización á autonomía dixital.
A Rede CeMIT incidirá en achegar capacitación dixital a todos os galegos
Compartir Este Artigo

