O músico compostelá Xosé Constenla vai levar a cabo este 22 decembro a presentación oficial do seu vindeiro disco, Virada por Avante. Respecto á cuestión que ocupa en Código Cero, as novas tecnoloxías da información, será unha presentación en boa medida innovadora, xa que por unha banda o single introdutorio (A luz entre a desorde) estréase nesa mesma xornada nas principais plataformas de distribución dixital musical do mundo (iTunes, Spotify, Youtube, Amazon, Movistar, etc), e pola outra, o artista interpretará o dito tema en streaming dende a páxina web de seu, xoseconstenla.com. Polo tanto, a cita física e virtual coinciden e enriquécense: será este día 22 ás 14 horas dende a Zapataría Bombarda emprazada na Praza de San Agostiño de Santiago.
A luz entre a desorde é como dixemos unha das composicións que integran o novo álbum do músico compostelá. Nas súas palabras, constitúe “o tema que mellor recolle o meu estado de ánimo cando compuxen os temas do disco; saír da penumbra dun tugurio agochado e descubrir que a vida continua e que está aí para enchela de contido”. Respecto do disco ao completo, Virada por Avante, é o cuarto traballo de longa duración de Xosé Constenla e foi producido por Fredi Marugán e masterizado nos Staterooms Studios por Oscar Herrador.
Xosé Constenla presenta novo disco en streaming e nas principais plataformas
Compartir Este Artigo

