A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, AMTEGA, asinou hoxe un convenio de colaboración co IGAPE, co fin de impulsar de maneira conxunta a innovación tecnolóxica do tecido empresarial da nosa terra. Así o deron a coñecer Mar Pereira (AMTEGA) e Javier Aguilera (Aguilera), que especificaron que o acordo (abeirado á Axenda Dixital de Galicia 2020) encamíñase, máis en detalle, a desenvolver actividades colaborativas que posibiliten que as nosas empresas innovadoras sexan aínda máis potentes e competitivas do que xa son (industria 4.0) e que as firmas dos restantes sectores empreguen máis a fondo as novas tecnoloxías. O orzamento conxunto é de máis de 2,3 millóns de euros ata o ano 2017, dos cales 1,26 millóns serán achegados pola AMTEGA e 1,11 millóns polo IGAPE.
A través desta iniciativa conxunta, as dúas entidades sinalaron que fornecerán “un catálogo unificado de servizos ás PEME para a asistencia, diagnose e soporte na implantación de solucións nos ámbitos de empresa dixital e industria 4.0”. Os servizos en cuestión estarán dispoñibles a partir do segundo semestre de 2016 e serán prestados ás empresas “a prezos reducidos por axentes colaboradores”, que serán contratados mediante procedemento aberto por parte do IGAPE. O catálogo, fixeron saber Pereira e Aguilera, ofrecerá servizos orientados a promover a dixitalización empresarial, “comezando pola diagnose do grao de modernización tecnolóxica e a identificación das oportunidades de mellora que permitan incrementar a competitividade da empresa”.
As firmas tamén terán acceso a servizos de soporte para a posta en marcha de solucións de mobilidade “que melloren a conectividade con traballadores, clientes ou provedores; para a incorporación de solucións TIC orientadas mellora da xestión empresarial; e para a implantación de solucións de mercadotecnia dixital que permitan optimizar a presenza da empresa en Internet”.
Segundo engadiron, para o impulso da industria 4.0 o catálogo abrangue servizos orientados a establecer novas fórmulas de produción e a impulsar a fabricación de “produtos diferenciados e de calidade”. A idea é permitir que as PEME accedan a asesoramento especializado para aplicar solucións de Industria 4.0 que lles permitan “unhas meirandes flexibilización, automatización, interconexión e sustentabilidade” nas súas contornas produtivas.
AMTEGA e IGAPE queren capacitar ás nosas empresas no uso avanzado das TIC
Compartir Este Artigo

