O investigador de AtlantTIC e profesor da Universidade de Vigo, Marcos Curty, vén de incluír os seus estudos sobre criptografía cuántica na prestixiosa publicación Nature Photonics, revista científica referencial nos ámbitos da fotónica, a optoelectrónica, a ciencia do láser e as imaxes e comunicacións ópticas. Curty, que conta cunha ampla experiencia en criptografía cuántica (área da investigación dirixida a asegurar a transmisión de datos e información dun xeito cen por cen seguro), participou no número de decembro da dita revista co artigo titulado Discrete and continuous variables for measurement-device-independent quantum cryptography, unha achega de investigación centrada en demostrar a viabilidade destas tecnoloxías en áreas metropolitanas, non só para transmisións a longa distancia.
Como dixemos e afondando un pouco máis no alcance e utilidades da criptografía cuántica, esta fornece un extra de seguridade (de seguridade total) xa que son “sistemas que non se poden romper”, sinala o propio investigador, que engade que esta característica, “nun mundo actual no que medra a diario o intercambio de información sensible en Internet”, está a mobilizar a entidades e empresas a “crear redes baseadas neste tipo de protocolos e tecnoloxías”.
Por certo que as achegas de Curty á dita publicación (que non son as primeiras, posto que en 2014 forneceu outro artigo co-realizado co investigador nipón Kiyoshi Tamaki e co canadense Hoi-Kwong Lo) foron desenvolvidas en colaboración con investigadores do Massachusetts Institute of Technology, do Oak Ridge National Laboratory e da Universidade de Toronto. O obxectivo da investigación é, como dixemos, demostrar a viabilidade dos sistemas de criptografía cuántica para lograr altas taxas de transmisión “plenamente seguras” en redes metropolitanas. En particular, os investigadores puideron amosar que o seu sistema pode ofrecer prestacións similares aos sistemas convencionais tamén en comunicacións a curta distancia, e non unicamente en longas distancias. Ademais, expuxeron perante a comunidade científica que é posible acadar comunicacións sen risco de ameazas ou fallos con con taxas de transmisión próximas ao límite teórico imposto pola mecánica cuántica, tanto a curta como longa distancia, “mesmo cando os detectores do sistema están corrompidos”, lembra Curty, que engade que arestora estanse a tender redes de criptografía cuántica en diversos países como EEUU, China, Suíza ou Xapón. A previsión é que o sistema desenvolvido polo equipo no que traballa Curty poida “xogar un papel esencial a curto prazo”. Polo de agora, xa está operativo nunha rede metropolitana da contorna de Xangai.
AtlantTIC participa nun proxecto de criptografía cuántica para acadar comunicacións totalmente seguras
Compartir Este Artigo

