Segundo o Informe Anual da Profesión Xornalística 2015, o ano que vimos de deixar atrás contabilizáronse 458 medios “sobrevivindo” contra vento e marea da man de profesionais do xornalismo. Entre as cousas que teñen en común estes medios atópase o seu carácter dixital, que os abrangue na súa totalidade. Tamén hai outros nexos de unión, como o feito de achegar información autonómica e local (sobre todo) ou a súa condición xurídica ligada na maior parte dos casos a sociedades limitadas. Outro punto común é que son iniciativas en boa medida lindeiras á subsistencia. Porén, os datos relativos aos ingresos son un algo mellores cós do ano anterior. O dito informe vén da man da Asociación de Prensa de Madrid (APM) e un dos seus puntos máis importantes é precisamente o que ten relación cos medios lanzados polos xornalistas.
Estas canles de comunicación, abrumadoramente dixitais, experimentaron en 2015 un freo importante ao seu proceso de crecemento. De feito, pasouse dun cento de medios novos en 2012 a 118 en 2013, a 66 en 2014 e unicamente a 28 en 2015. En total, das 579 canles que integraban a listaxe feita polo Departamento de Comunicación da Asociación da Prensa de Madrid, 478 estaban activas e 121 pecháronse ou levaban máis de tres meses sen seren renovadas nin amosar pegadas de actividade. Por temas, un terzo abrangue información autonómica, local e hiperlocal, o resto céntrase máis que nada na arte e a cultura, no eido estatal e nos deportes.
Como dixemos, o 100% dos medios ten presenza en Internet, en troques só 19 lanzáronse tamén en papel. Segundo se fai saber, boa parte dos que son quen de ingresar máis de 100.000 euros mesturan soportes.
As fontes de financiamento do 38,8% proceden en exclusiva da publicidade. O 20% mestura este vieiro con varias fontes e o 14,1% vive da publicidade e o patrocinio (datos de 2014). O 8,2% buscaron apoio na técnica do micromecenado, ou sexa o crowdfunding.
O ámbito estatal acubilla 458 medios dixitais lanzados por xornalistas
Compartir Este Artigo

