Tras aceptar o feito de que as Oculus Rift van custar 699 euros, toca ver se temos equipos dabondo para poder gozar da realidade virtual, o que é bastante improbable, de aí que haxa fabricantes que xa preparan os seus ordenadores Oculus Ready, sendo unha das primeiras compañías en subir ao carro Dell, que coa súa marca Alienware xa presenta unha versión do seu Alienware X51 certificada para Oculus a un prezo de 1.199,99 dólares.
Este equipo ten un procesador Intel Core i5 de sexta xeración, 8 GB de memoria DDR4 de dobre canle, 1 TB de disco duro de 7.200 rpm e gráfica nVIDIA GeForce GTX 970 con 4 GB de DDR5. O ordenador ten un formato bastante compacto, que case podería poderse facer pasar por unha consola de videoxogos, pero integra o último en tecnoloxía, como un sistema de refrixeración líquida, portos USB da máxima velocidade posible, a posibilidade de configurar por unidades SSD PCIe M.2, que permiten mover datos ata a 4 GB por segundo. Toda unha besta que funciona con Windows 10 é que agradecería calquera usuario que quixese gozar dos videoxogos ao máximo, xa que incluso podería xogar aos últimos títulos a ultra alta definición.
Baixo a marca Dell tamén estará dispoñible o Dell XPS 8900, configurado de xeito que será capaz de facer funcionar satisfactoriamente as Oculus Rift, e en ambos casos, de querer mercarse o ordenador coas Oculus Rift podería gozarse dun desconto duns 200 dólares (ou sexa, que o ordenador co casco de realidade virtual custaría 1.598 dólares, o que podería animar a algúns a realizar a compra conxunta, especialmente polo incentivo que podería supor o feito de que as Rift poderían chegar antes cun ordenador que de xeito independente).
Dell será un dos primeiros fabricantes en comercializar equipos certificados para Oculus Rift
Compartir Este Artigo
