O sábado 2 de abril a asociación makers.lugo celebrará un ano máis (e xa van tres) unha xuntanza aberta coa finalidade de reunir a outros makers e dar a coñecer distintos proxectos feitos con Arduino, unha plataforma de hardware e software libre, baseada nunha placa cun microcontrolador e unha contorna de desenvolvemento (IDE), deseñada para facilitar o uso da electrónica en proxectos multidisciplinares. Ao ser open-hardware, tanto o seu deseño como a súa distribución é libre: pode empregarse libremente para o desenvolvemento de calquera tipo de proxecto sen adquirir ningunha licenza. Aproveitando o evento mundial, dende a organización queren dar a coñecer Lugo dentro do mundo do hardware e o software libre co gallo de medrar e facerse un sitio neste eido.
A quen vai encamiñado este evento? Pois a todos os grupos de usuarios, makerspaces, hackerspaces, fablabs, asociacións, profesores, profesionais e noveis desta tecnoloxía, da que poderán formar parte dos obradoiros, charlas e sesións de demostracións que se realizarán a partir das 10:30 da mañá no CEI Nodus de Lugo.
Engadir que ao ser único evento de celebración do Arduino day confirmado na zona do noroeste da Península, agardan contar coa asistencia de makers chegados dende todos os recunchos do noroeste: Pontevedra, Santiago, A Coruña, Lugo, Bilbo, … “que configuran unha axenda do máis interesante: dende impresoras 3D ata control enerxético do fogar, pasando por robótica educativa, árbores de Nadal ou invernadoiros controlados por Arduino”.
O Arduino Day é a celebración a nivel mundial da festa de aniversario do proxecto Arduino. É un evento de 24 horas que é organizado directamente pola propia comunidade de usuarios de Arduino ou polos propios fundadores do proxecto onde as persoas interesadas en Arduino e Genuíno reúnense para compartires as súas experiencias e aprender máis.
Makers Lugo únense un ano máis á celebración internacional de Arduino
Compartir Este Artigo

