Esta mañá celebrouse un encontro do colectivo de voluntarios, empresa, entidades e asociacións de distinto tipo que contribúen aos obxectivos do Plan de Inclusión Dixital 2020, aos que o presidente da Xunta gabou pola “implicación, en definitiva, dos máis de 700 aliados dixitais para que ningún galego nin ningunha galega perda o tren da sociedade dixital” e para que na terceira década do século XXI, todos os galegos estean capacitados para aproveitar as oportunidades que brinda este contexto.
Feijoo subliñou que o Plan de inclusión dixital de Galicia 2020 aspira a crear hábitos de uso das TIC entre aqueles que aínda non as empregan; a incrementar os coñecementos dixitais daqueles que xa empregan as TIC; e a fomentar o uso das TIC como unha forma innovadora de resolución dos desafíos sociais. Tamén destacou a utilidade da tecnoloxía dixital para resolver desde o ámbito local retos ligados á educación, á saúde, ao emprego e, en definitiva, ao benestar da cidadanía.
O presidente da Xunta incidiu na necesidade de seguir traballando para que todos os galegos saiban usar internet. Non en van, a porcentaxe de poboación que emprega internet incrementouse nun 40%; Galicia ocupa o terceiro posto na clasificación de comunidades autónomas que interactúan coas administracións públicas a través da Internet, e tres de cada catro fogares teñen Internet de banda larga.
O máximo mandatario do Executivo galego concluíu a súa intervención facendo fincapé na necesidade de fomentar o uso da Internet entre os 160.000 galegos que non o empregan, un colectivo formado maioritariamente por persoas maiores. E, para iso, avogou por ensinar a empregar mellor os dispositivos móbiles e por promover a confianza en internet e a seguridade dixital.
Máis de 700 aliados dixitais fomentan a modernización de Galicia
Compartir Este Artigo

