A Tecnópole comezou a semana pasada (o día 11) o seu novo programa de almorzos tecnolóxicos (unha achega de actividades a desenvolver no Edificio CEI, durante seis meses, e incidindo nos diferentes vieiros que nos fornece a tecnoloxía para mellorarmos como profesionais). Foi unha xeira de traballo arredor dos datos masivos e as súas posibilidades para subministrar información útil a nivel produtivo (o que se coñece como Big Data). Contou coa presenza de Andrés Mazaira, socio fundador de Bridge Metiatech e profesor de mercadotecnia, quen comezou o seu relatorio lembrando aos participantes que “unha axeitada xestión dos datos é clave para vender máis no complexo mercado actual”. Segundo engadiu, “este é o gran reto ao que se enfrontan as empresas na era do Big Data”.
Na sesión participou un importante número de profesionais, que logo da conferencia en si mesma tiveron a oportunidade de interactuar con Mazaira (e entre eles) arredor da nova mercadotecnia e a nova xestión arredor da información inxente.
Durante a súa charla inicial, o experto relator salientou “o moito que mudaron o contorno comercial e os hábitos dos consumidores nos últimos anos, o que provocou a transformación dos modelos de negocio para adaptarse ás novas dinámicas do mercado”.
Ao seu xuízo, as tecnoloxías abren novas oportunidades de negocio, pero ademais esixen cambios nos negocios máis tradicionais. E explicou: “Antes de internet, o manexo dos datos era humano e o intercambio era persoal, pero coa chegada da Rede, pola contra, introducíronse ferramentas que marcaron unha evolución”. Por exemplo, dixo, o correo electrónico e os recursos que fixeron posible o comercio electrónico, as aplicacións móbiles e as redes sociais. Agora, sinalou, unha vez aceptada por boa parte da xente a comenencia de empregar estas ferramentas e servizos a nivel produtivo e empresarial, é o intre de facer o mesmo coa Internet das Cousas, polas súas siglas en inglés IoT. Esta realidade dos obxectivos que interactúan e comunícanse entre eles (e con nós) é “o que está a marcar a verdadeira revolución actual”, engadiu. Ao fío disto, Mazaira achegou datos concretos: “Estímase que para 2020 cada persoa terá entre sete e oito obxectos conectados á Rede (electrodomésticos, trebellos de saúde dixital, etc.)”. A principal consecuencia disto é o Big Data, comentou, “un volume de datos que cómpre que aprendamos a xestionar para obter valor comercial deles”.
Almorzos tecnolóxicos
Os almorzos tecnolóxicos xorden coa idea de fomentar a competitividade das empresas do Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) e dos grupos de investigación que traballan nos diferentes centros tecnolóxicos instalados no parque ourensán a través da promoción da súa tecnoloxía e o fomento da colaboración a través de intercambio de coñecementos tecnolóxicos, ou ben de compra-venda de tecnoloxía ou dos servizos que se emprestan mediante esa tecnoloxía.
E a quen van encamiñados estes almorzos? Pois o público obxectivo serán as propias empresas do parque (entidades a promocionar) e as empresas situadas no polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
O que se persegue coa posta en marcha desta proposta é que os participantes se coñezan entre si e expresen os seus intereses e áreas tecnolóxicas nas que traballan relacionadas co tema exposto de cara a posibles colaboracións cos presentes no futuro. Previo á xornada, as empresas fan unha pequena rolda de presentación co obxecto de fomentar a iteración entre elas facendo fincapé nas novas achegas da Tecnópole.
Cómpre dicir que froito dos almorzos sairá un catálogo con periodicidade semestral en formato dixital que dará a coñecer as tecnoloxías innovadoras realizadas polas empresas presentadas en cada edición.
Mércores 15 de xuño de 9 a 10 h. – Pensar en Galicia, ensamblar en China.
Mércores 13 de xullo de 9 a 10 h. – Envasado de alimentos.
Mércores 14 de setembro de 9 a 10 h. – Axustes fiscais na conta de explotación de cara a Facenda
Mércores 19 de outubro de 9 a 10 h. – Canto custa a miña marca?
Mércores 23 de novembro de 9 a 10 h. – Posibilidades para a túa empresa da impresión 3D.
O valor para as empresas do Big Data, eixe do primeiro almorzo tecnolóxico da tempada
Compartir Este Artigo

