Onte tiña lugar a presentación do Foro da Innovación para o Emprego (FIE) 2016 do que deu conta a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, anunciando que terá lugar no compostelán Pazo de Congresos e Exposicións o 15 e 16 de xuño. A súa finalidade é, nas súas palabras, “contribuír á dinamización do mercado de emprego metropolitano, realizando accións de vinculación laboral directa e fomentando a xestión de novos postos de traballo”, segundo a propia Marta Lois. A concelleira salientou o papel das novas tecnoloxías na procura de emprego, mais tamén o rol que xogan os concellos.
No FIE 2016 atoparemos un programa de actividades composto por máis de 40 obradoiros e relatorios, sesións de información e orientación, presentación de marca persoal e de ideas innovadoras, a presenza de máis de 25 empresas con presentacións de recursos e produtos innovadores para a procura de emprego.
Indo ao miolo do Foro, prevese a xestión de 100 ofertas, algunhas das empresas participantes realizarán entrevistas de selección no propio Pazo de Congresos a persoas candidatas previamente convocadas (o proceso de selección comezaba onte e durará ata o 12 de xuño). As persoas interesadas poden inscribirse no enderezo electrónico da Axencia Local de Colocación.
O Foro estrutúrase en oito bloques temáticos. O primeiro consistirá na oferta de ata 100 postos de traballo a partir dos procesos de selección das ofertas xestionadas entre o 18 de maio e o 12 de xuño. O segundo, na creación dunha marca persoal aproveitando o pulo das novas tecnoloxías e dos xeitos de acceso a un emprego no marco de Internet.
O terceiro eixo pasa pola colocación de ata 10 puntos de información e asesoramento dos servizos de emprego municipais. Abrirase un espazo de coordinación dos distintos servizos públicos de emprego da Área Metropolitana de Compostela.
Contarase tamén coa presenza e presentación de ferramentas e recursos que achegan innovación en materia de empregabilidade, e co chamado Panel da innovación, onde cada asistente ao FIE poderá colocar unha idea de innovación aplicable á empresa que afecte á mellora de procesos ou á creación de novos produtos.
No FIE 2016 propóñense dous programas nos que se busca a proactividade das persoas inscritas. Celebrarase a primeira edición do Concurso de Ideas Innovadoras para o Emprego, dotado con dous premios de 10.000 euros, para que os proxectos gañadores poidan implementarse e levarse á práctica fomentando o emprendemento.
Tamén terá lugar o “Preséntate e convéncenos”, unha serie de presentacións rápidas de cinco minutos a empresas e servizos de consultoría e selección. As persoas interesadas participarán en diferentes obradoiros de preparación nos días previos ao Foro e contarán co asesoramento de persoal.
As TIC, piar do Foro de Innovación para o Emprego de Santiago
Compartir Este Artigo

