Ferrol e Narón, como dixemos hai uns días, están a xuntar forzas para seren por dereito propio cidades smart, máis sustentables, máis limpas, mellor comunicadas e con máis participación dos cidadáns. Co obxectivo de ir avanzando neste camiño, o 8 de xuño está convocada un seminario específico no Antigo Hospicio, a desenvolver baixo o epígrafe Que pode facer Europa polas cidades? Debaterase acerca da estratexia de desenvolvemento urbano e sustentable dos dous concellos. A xornada, en horario de 9.30 a 14.00 horas, está enfocada ao persoal técnico dos concellos que traballan en proxectos europeos, desenvolvemento local, emprego, enerxía, urbanismo e novas tecnoloxías da información.
Por certo que o proxecto común, eixe do seminario, coñécese como Ría de Ferrol: Cidade 2020. Con el, os ditos concellos concorren (por primeira vez como unha mesma área metropolitana) na última convocatoria dos Fondos FEDER 2014-2020, Plan Urban ou DUSI. O DUSI (o nome corte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado) abre as portas a obtención de 15 millóns de fondos europeos para o desenvolvemento plurirrexional. O convenio Ferrol-Narón foi aprobado no último pleno ordinario de novembro, na sesión celebrada o día 26, e foi presentado a cidadanía o venres 4 de decembro, nun acto público celebrado no salón de actos do antigo Hospicio de Amboaxe.
Volvendo á xornada técnica, sinalar que o relatorio inaugural estará centrado na importancia das novas tecnoloxías no desenvolvemento das cidades avanzando cara as cidades intelixentes ou smart cities, a cargo de May Escolar, coordinadora en Rede Española de Cidades Intelixentes. Segundo informa o Concello de Ferrol, na xornada do 8 de xuño analizarase, polo miúdo, os retos do desenvolvemento sostible e integrado das cidades, a cidade Integradora e as oportunidades para as cidades e vilas que se abre na Cooperación Territorial Europea.
O devandito Plan Urban, informa o Concello de Ferrol, foi concibido para auspiciar e acubillar medidas para a modernización electrónica da Administración e dos servizos públicos, “espremendo as oportunidades das TIC e avanzando cara as chamadas Smart Cities”. Tamén impulsaría iniciativas para reducir as emisións de CO2, potenciar medios de transporte amables co medio como a bicicleta e avogar con firmeza pola peatonalización e o transporte público implementando un plan de mobilidade sustentable como parte dun enfoque integrado.
Ferrol acolle unha xornada técnica para difundir o seu proxecto smart con Narón
Compartir Este Artigo

