Este xoves graduáronse os estudantes do último curso do Grao en Enxeñaría Informática da Escola Superior de Enxeñaría Informática do Campus de Ourense. En total, 72 mozas e mozos celebraron en clave colectiva (con compañeiros, amizades e familiares) o remate da súa andaina formativa no dito centro. Segundo informan fontes da Escola, teñen diante, como futuro profesional, o mellor dos agoiros posibles: a taxa de empregabilidade dos estudos que cursaron é a día de hoxe do 92%. Ademais, a maioría dos estudantes acabados de titular en Enxeñaría Informática acadan un posto de traballo en só dous meses e medio.
O acto de graduación tivo lugar no salón Marie Curie do Edificio Politécnico. A todos os/as estudantes acabados de titulárense, Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, deulles as grazas “por ter escollido este centro” e felicitounos pola “meta acadada”. Para o futuro que lles agarda, o docente achegóulles dous consellos principais: “A formación permanente e a defensa da profesión, para conseguir que se visualice o papel que ides realizar na sociedade e que, en contra de tópicos”, recalcou, “é moito máis que facer páxinas web”.
Tamén tivo palabras de recoñecemento o padriño de promoción, o docente do centro Francisco Ribadas. “O meu principal consello é que ao longo da súa vida profesional intenten sempre buscar o equilibrio entre a especialización e o coñecemento xeral, que se desenvolvan no seu nicho de especialización pero que non esquezan todo o demais”, destacou.
72 novos enxeñeiras/os en Informática na ESEI de Ourense
Compartir Este Artigo

