O Consello da Xunta de Galicia deu esta semana o visto e prace ao Plan de dixitalización dos sistemas de produción audiovisual da Corporación de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), un proxecto de gran valor estratéxico para o ente público de radiotelevisión que adaptará os sistemas de produción de contidos e emisións actuais ás novas posibilidades que ofrece a tecnoloxía dixital.
O proxecto supón a implantación dun novo sistema que posibilite a clasificación clara e ordenada da información, unha mellor xestión dos contidos e a opción de novas vías de acceso e uso do material audiovisual. Neste sentido, trátase dun proxecto imprescindible para garantir a sustentabilidade da corporación no futuro e levará consigo un novo e mellor modelo produtivo e de organización.
O cadro de persoal da CRTVG ten o máximo protagonismo no proceso, xa que traballará con medios máis modernos, rápidos e que ofrecen maiores posibilidades, como intercambiar material audiovisual con outras televisións ou produtoras sen necesidade de adaptacións e reformateos ou evitando a manipulación e tráfico de fitas.
Ademais, este proceso de dixitalización da televisión pública galega terá un importante impacto sobre o sector audiovisual galego, que seguirá contando co seu principal dinamizador, porque sentará as bases do que será o futuro arquivo histórico audiovisual de Galicia.
En canto á función pública e o labor diario da CRTVG, o proxecto de dixitalización permitirá unha importante mellora na produtividade e competitividade. O cambio inevitable do modelo produtivo permitirá ampliar o número de canles e formatos nos que publicar o contido, achegará un importante plus de rendibilidade aos produtos audiovisuais e ampliará as posibilidades de chegar aos receptores. Desta forma, poderanse atender as demandas de consumo e elevar o nivel de competitividade da compañía.
Tras a implantación do proxecto de dixitalización, a CRTVG estará preparada para asumir con seguridade os futuros cambios tecnolóxicos que poidan producirse, adaptándose con axilidade a outras novas canles e formatos que xurdan e sexan demandados polos usuarios. Espérase que a implantación do proxecto de dixitalización tamén permita incrementar o índice de audiencias.
A axilización e mellora da produción posibilitará producir un maior número de horas a un custo inferior, co que se propicia a produción de contidos de calidade que incrementen os niveis de audiencia. Como consecuencia, obteranse maiores ingresos derivados da publicidade e do aforro nos custos de produción.
En canto ao custo, os compromisos de gasto derivados da execución do proxecto formúlanse nun escenario de gasto plurianual a cinco anos desde que finalicen os traballos de instalación do sistema de produción dixital. A contía económica do actual proceso de dixitalización ascende a 12,5 millóns de euros. Hai que ter en conta que o 60% da produción actual de informativos da TVG xa se produce de forma dixital desde hai dous anos porque procede das delegacións do ente público.
No que respecta aos prazos de execución, o proceso de licitación pública abordarase no futuro inmediato. O proceso de instalación, posta en funcionamento e formación de usuarios estímase que se estenda aproximadamente un ano.
A CRTVG investirá 12,5 millóns de euros en 7 anos para a súa dixitalización
Compartir Este Artigo

