Será o 17 de xuño cando teña lugar a posta en marcha de colaboraTIC.gal, unha xornada para difundir entre o sector empresarial o software libre e as posibilidades de colaboración e novas vías de financiamento para proxectos que empreguen tecnoloxías libres. Detrás deste encontro atópanse a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a cita levarase a cabo na Sala Eisenman da compostelá Cidade da Cultura.
Que é exactamente o colaboraTIC.gal? Pois un espazo onde ver, escoitar e amosar experiencias de colaboración entre os eidos das tecnoloxías abertas e o tecido empresarial. Que se pretende acadar? A meta desta xornada é que as empresas participantes sexan quen de identificar fontes de innovación en eidos onde non adoitan mirar, que poidan dispoñer dun novo espazo de interrelación e visibilización das súas empresas e proxectos, con enfoques menos tradicionais, máis creativos e innovadores.
Indo ao colaboraTIC.gal, este constará de dúas partes: a primeira, Vén escoitar, centrada na exposición e presentación de boas prácticas no eido da colaboración entre o software libre e o tecido empresarial; e unha segunda parte, Vén falar e intercambiar, en formato de speed-dating para favorecer encontros entre empresas de diferentes sectores fomentando a apertura de miras á hora de buscar colaboracións, clientes, provedores… sempre co eixo común do uso de tecnoloxías libres.
Así, a xornada de mañá (Vén escoitar), tratará temas como: as relacións cliente-provedor, casos de éxito; cooperativismo e swl; modelos alternativos de financiamento de proxectos e modelos de colaboración empresariais e comunidade de swl. A asistencia a esta parte é de balde e está aberta ao público en xeral previa inscrición, condicionada só ao aforo dispoñible e pode realizarse a través dunha ligazón específica.
En canto á xornada de tarde (Vén falar e intercambiar), só poderán asistir ao speed-dating aquelas empresas/proxectos seleccionados de entre as solicitudes recibidas conforme ás bases publicadas. Por parte do sector das tecnoloxías abertas poden presentarse representantes de empresas galegas (e profesionais autónomos) desenvolvedoras e/ou comercializadoras de solucións en código aberto.
Por parte do resto de sectores (non pertencentes ao sector tecnolóxico nun senso estrito) poden participar representantes de empresas galegas (e profesionais autónomos) dos sectores produtivos galegos que consideren que as tecnoloxías libres poden ser un bo aliado para o desenvolvemento de proxectos e accións conxuntas favorecendo así a súa transformación dixital.
De todas as solicitudes recibidas antes do 12 de xuño a través da web da xornada seleccionaranse 10 empresas/proxectos de software libre e 10 empresas/proxectos doutros eidos, que participarán no speed-dating.
O software libre como eixo de unión empresarial será o tema de colaboraTIC.gal
Compartir Este Artigo

