A Real Academia Galega anunciou estes días o desenvolvemento dunha actividade orientada a dixitalizar de balde documentos de noso que teñan algún tipo de valor, tanto para nós como para a recuperación e reivindicación da memoria colectiva galega. Trátase dunha iniciativa lanzada con motivo do Día Internacional dos Arquivos que se celebra hoxe 9 de xuño e nela ten cabida unha manchea de material: carnés, pasaportes vellos, diplomas, nomeamentos, recordatorios de festexos e celebracións de toda índole. A campaña de dixitalización gratuíta da RAG desenvólvese ata este 10 de xuño. Os traballos implican que unha vez tratados os documentos e recuperados para a posteridade poidan amosarse perante a comunidade internauta na páxina web da RAG.
A intención desta medida é pór en valor a relevancia que pode ter (para nós, para a sociedade) a conservación dos arquivos persoais de cada quen. Este material inxente, variado e en moitas ocasións ignoto (son na súa maioría testemuñas do pasado aínda pendentes de desvelar e compartir), adquire múltiples facianas para comprender “o noso pasado colectivo”: certificados de estudo e títulos académicos e profesionais, diarios, memorias, axendas, pasaportes, cartas, convites recordatorios ou fotografías.
Segundo lembra a RAG, do 6 ao 10 de xuño as persoas que desexen compartir as lembranzas e a historia que gardan os documentos antigos que conservan nas súas casas poderán traelos á sede da academia (na rúa Tabernas, 11 da Coruña) para a súa dixitalización gratuíta”. Alí serán atendidas polo persoal do Arquivo da institución de luns a xoves de 9 a 14:45 horas e de 16:30 a 19:45 horas, e o venres de 9 a 14:45 horas.
A RAG tamén recorda que o seu Arquivo acubilla uns cen arquivos persoais, producidos por diferentes persoas e familias. Entre eles figuran os de Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán ou Andrés Martínez Salazar, entre outras figuras da historia cultural galega.
A RAG celebra o Dia dos Arquivos cunha dixitalización colectiva dos nosos documentos de valor
Compartir Este Artigo
