O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asinaron hoxe un convenio para o desenvolvemento do encontro informático Xuventude Galicia Net, un evento multidisciplinar dirixido á xuventude que conta con diversas temáticas, que aborda a tecnoloxía dende todas as perspectivas, e que por segundo ano consecutivo terá lugar no Recinto Feiral de Silleda.
A Fundación Semana Verde Abanca, coa colaboración da Consellería de Política Social, levará a cabo a vindeira edición do encontro informático XGN, tras o éxito acadado o ano pasado con máis de 800 participantes. Esta nova edición busca consolidar o evento e facelo máis ambicioso e para iso contará cunha dotación económica de 50.000 euros, o dobre do recibido na pasada edición 2015. Nesta convocatoria el XGN dará un salto cualitativo importante, xa que entre outras accións, mellorarase a conectividade, pasando de 1 Gbpa por radioenlace a 2 Gbps por fibra. Tamén se aumentará a 1.200 o número de postos, cifra que poderá ser ampliable segundo as inscricións.
As melloras desta nova edición supoñen tamén a implicación de destacadas firmas do sector TIC, como HP e Intel, que apoiarán o encontro a través de patrocinio. E na parte empresarial dos videoxogos, estarán presentes empresas punteiras galegas dedicadas á creación de videoxogos, como Gato Salvaje. Ademais, este ano o XGN contará coa creación dunha bolsa de contratación coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) entre empresas galegas e portuguesas do sector tecnolóxico.
A Xunta achegará 50.000 euros para a celebración dunha nova edición de Xuventude Galicia Net en Silleda
Compartir Este Artigo

