Enric Trillas, catedrático de Ciencias da Computación e Intelixencia Artificial da Universidade Politécnica de Madrid, estivo en febreiro na nosa terra para falar de lóxica e linguaxes. E, por extensión, dos últimos avances dados polas tecnoloxías no camiño de asemellarse o máximo posible, no seu funcionamento, ao noso xeito de procesar a información, avaliala, debullala e actuar. A cita, como lembraremos, desenvolveuse no salón de actos do centro CiTIUS, da Universidade de Santiago. Precisamente o CiTIUS está a informar dunha nova estadía de Trillas na USC. Será este venres 17, con motivo do investimento como doutor honoris causa do profesor catalán a cargo da institución académica compostelá. A cita é no Colexio de Fonseca ás 12 horas.
A candidatura de Trillas, proposta polo Departamento de Electrónica e Computación (DEC), fundaméntase na súa “indubidable valía científica e docente e a súa constante dispoñibilidade a colaborar coa USC en todas cantas iniciativas se lle teñen proposto”, como demostra “a súa intensa relación académica e científica coa USC e, en particular, co CiTIUS”. Ademais, engade este centro, a distinción ao profesor catalán significa “a concesión da máis importante honra académica a unha das figuras máis relevantes a nivel internacional no eido das Ciencias da Computación e establece un novo fito neste ámbito, ao converterse no primeiro doutor honoris causa que a USC concede nalgunha das disciplinas relacionadas coas Tecnoloxías da Información”.
Enric Trillas (Barcelona, 1940) é pioneiro en España na “lóxica difusa ou borrosa” (en inglés fuzzy logic), amais de ser un dos primeiros investigadores adicados a este ámbito da ciencia no contexto europeo. Segundo engade o centro, este eido da investigación céntrase en boa medida en acadar que as máquinas poidan reproducir o noso xeito de pensar e razoar.
O profesor Enric Trillas será investido doutor honoris causa este venres pola USC
Compartir Este Artigo

