O Centro Demostrador TIC organiza mañá o seminario que leva por título Quen visita a túa web? A resposta con Google Analytics que se impartirá na aula CeMIT de Ourense, situada no edificio La Molinera, en horario de 16:00 a 20:00 horas. Este será o último dos catro seminarios do ciclo Pon o teu negocio en Internet, un itinerario de accións formativas eminentemente prácticas co obxectivo de dar a coñecer os elementos chave para levar os produtos ou servizos á Rede.
Coa sesión de Google Analytics búscase que as persoas asistentes sexan capaces de comprender o valor e a importancia da analítica web no marketing en liña e de empregar Google Analytics e os seus indicadores para mellorar e controlar o rendemento das súas webs. Para iso, o programa da xornada estrutúrase en 19 módulos que teñen como obxectivo dar a coñecer de xeito ordenado os principios e as funcionalidades máis empregados no contexto profesional.
Este seminario está especialmente deseñado para profesionais do mundo marketing, programadores web, product managers, community managers, cargos directivos, supervisores e executivos de contas ou xerentes de PEME. A empresa Alén Multimedia, dedicada ao desenvolvemento e á implantación de servizos de comunicación multimedia, será a encargada de impartir a xornada.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC, sendo a asistencia de balde. Ademais, para quen non poida acudir á sesión presencial, é posible seguila por videoconferencia nas aulas CeMIT que a AMTEGA ten distribuídas por todo o territorio galego.
Google Analytics centrará un seminario no CDTIC
Compartir Este Artigo

